As palilleiras de Sarria recuperan a súa xuntanza o 16 de marzo

Laura López LUGO / LA VOZ

SARRIA

Presentación da Xuntanza de Palilleiras de Sarria
Presentación da Xuntanza de Palilleiras de Sarria CEDIDA

Agárdanse centos de persoas no encontro, que terá lugar no pavillón do Chanto

09 feb 2024 . Actualizado a las 13:49 h.

O tradicional encontro palilleiro de Sarria volve o 16 de marzo, tras catro anos de parón, da man da Asociación de Palilleiras Camiño de Santiago de Sarria. A Xuntanza de Palilleiras e Labores Artesanais Vila de Sarria chega así á novena edición, co apoio da Vicepresidencia da Deputación.

O vicepresidente e deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, entregou a usuarias da entidade material para repartir entre os asistentes á xornada, que se agarda que rolden as trescentas persoas. Os libros Samos e Ourivería antiga do Museo Provincial de Lugo, ambos editados polo servizo de Publicacións da institución provincial, forman parte desta colección que se levarán as palilleiras, así como artesanía de Pablo Mazoy, Rosa Jove e Nacho Porto, coas que se recoñece o traballo das outras entidades participantes.

«Citas coma esta permiten conservar o noso patrimonio artístico e material e dar a coñecer un traballo que, sobre todo, avoas e nais conservan grazas aos seus antepasados. Con esta xuntanza podemos achegarnos a novas xeracións, algo esencial para que sobrevivan oficios e traballos coma este», explicou Efrén Castro.

Dende a agrupación sarriá móstranse con ilusión ante a novena edición dunha cita que recuperan tras un cambio na directiva e coa que esperan chegar a un gran público e «encher o pavillón do Chanto con mulleres e homes de todas as idades, co único obxectivo de conservar esta arte».