Adrián Vigo, un virtuoso da música que racha as barreiras da súa discapacidade

LAURA LÓPEZ LUGO / LA VOZ

VILALBA

LAURA LÓPEZ

Este mozo chairego prepara o seu segundo disco xunto ao seu profesor David Taboada

02 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia de Adrián Vigo é música, é piano, é voz; pero, sobre todo, é unha gran historia de amizade e superación. Este mozo de 28 anos, natural de Pacios (Begonte), ten «un talento innato» para a música, en palabras do seu profesor, David Taboada, e, a pesar de ter unha discapacidade do 80%, toca o piano, canta, e leva compoñendo desde os 4 anos. Este verán gravará o seu segundo disco e o número de concertos non deixa de medrar. A súa voz e a súa mestría ao piano enganchan, ao igual que a súa historia.

Adrián é o segundo de dous irmáns. Con 3 anos, colleu o piano que lle regalaron ao seu irmán pola comuñón e púxose a tocar, deixando abraiada á familia coa súa arte e destreza: «Cun dedo da man esquerda empecei a sacar notas, na sala da casa, sentado no sofá». Foi cun dedo porque Adrián ten unha discapacidade do 80%. Un problema no parto acabou causándolle unha lesión cerebral que lle afecta á mobilidade das mans e dos pés.

Despois de varias operacións e de moito adestramento, agora move os dedos da man esquerda e tres da dereita. Por iso a sorpresa da familia ao oír tocar a Adrián con tan só 3 anos foi aínda maior. Pero a cousa non quedou aí: «Aos 4 anos compuxen a miña primeira canción, Viva la paz», explica. E xa non puido parar: «Para min compoñer xorde de forma natural; empecei con pequenos versos, compoñendo pequenas poesías de todo o que vía e despois facía cancións con letra e música ao piano. Inspírome nos ríos, nas fontes, nos campos, e o tema da paz é algo que trato moito».

Problema de mobilidade na man

Tal era a súa mestría e a súa paixón que, con 10 anos, matriculouse no Conservatorio Municipal de Música de Vilalba. «Pero non me deixaron ir a clases de piano polos meus problemas na man dereita, así que me asignaron violín; estiven uns meses, pero non me gustaba, eu o que quería era o piano, así que deixei o Conservatorio», recorda. Despois matriculouse na Escola de Música de Rábade, onde estudou piano moderno e solfeo, pero só estivo un curso por diversos motivos, entre eles varias operacións ás que se someteu en Rusia.

Así que no ano 2008 entra na escola de música de Lugo Aulos, onde lle asignan como profesor de piano a David Taboada. «O primeiro reto que me plantexei foi a nivel psicomotriz. Cando chegou, tocaba apenas con dous dedos e pouco a pouco conseguimos mellorar iso», conta Taboada. A sorpresa chegou á terceira clase: «Un día chegou e díxome: ‘Vouche ensinar unha canción que compuxen’, e quedei abraiado. ¿Como era posible que creara esa peza sen ter estudos de harmonía nin composición? Aí vin que tiña un talento innato».

Taboada decide apostar por el

Nese momento as vidas destes dous músicos deron un xiro para sempre. Uns anos despois, David deixou a academia, pero decidiu continuar dándolle clases a Adrián. «Non só somos profesor e alumno; agora somos amigos e case coma irmáns; el soubo ver o meu talento e entendémonos perfectamente», di Adrián.

Co material que levaba xa creado Adrián, decidiron que merecía a pena gravar un disco: «Tiñamos poucos medios, así que renunciamos á instrumentación e fixemos un disco acústico con piano, voz e guitarra», conta David. O disco, Profunda amistad, leva xa mil copias vendidas e abriulles as portas para más dun cento de concertos. Entre eles, entraron como residentes no Balneario de Augas Santas de Ferreira de Pantón, onde tocan cada quince días. Tal foi a acollida que están traballando xa no segundo disco, que esperan ter no mercado en outono. No primeiro traballo predominan as baladas, os boleros e as rumbas, mentres que o segundo será máis pop e con música latina: «Adrián encárgase da letra e da música e eu fago os arranxos», di David.

E nesa liña espera seguir no futuro: «Quero subir a grandes escenarios, cunha banda, e transmitir ao mundo o que fago, mostrar que a discapacidade non impide conseguir os soños (...) Non me imaxino facendo outra cousa que non sexa música, para min é unha forma de sentir e así a vivo», continúa Adrián.

Empezou a tocar con 3 anos nun piano que lle regalaron ao seu irmán

No Conservatorio de Vilalba só o admitiron en violín, así que tivo que deixalo