«O PSOE asume agora posicións de XX.SS.»

Enrique Gómez Souto
enrique g. souto LUGO / LA VOZ

VILALBA

kike

González cre que o partido debería ter máis en conta a súa organización á hora de preparar as listas electorais

19 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«A situación socioeconómica da provincia é dramática e á Xunta non lle interesa»

Estuda Medicina en Santiago e ocupa a secretaría xeral das Xuventudes Socialistas na provincia de Lugo dende hai ano e medio. Miguel González Montes (Vilalba, 1996) di que, por fin, o partido (PSdeG-PSOE) asume agora posicións que defendeu durante moito tempo a súa organización. Tamén di que non hai vella e nova política; o que hai son boas e malas prácticas políticas.

-Como son as relacións co PSOE en momentos tan difíciles para o partido?

-A relación é boa, aínda que temos os nosos máis e menos. Sempre conta con nós a hora de preparar os programas electorais. En canto a presenza nas listas de xente de XX.SS. si que se bota en falta algunha consideración máis. Pero, dito isto, as relacións son boas en liñas xerais e especialmente na provincia.

-En xeral, XX.SS. ten posicións más radicais que o propio partido...

-Nós, como Xuventudes, levamos moito tempo mantendo posicionamentos aos que se chega agora no partido, que sae fortalecido destes recentes procesos precisamente porque fixo autocrítica e recoñeceu os erros.

-Que diagnóstico fai da situación socioeconómica da provincia?

-É dramática. Parece que Lugo non lle interesa á Xunta, como se viu no caso dos servizos para o HULA. No tema do transporte, Lugo é unha das provincias peor comunicadas, como saben ben os mozos que estudan fóra. É un déficit que tería que estar arranxado desde hai moito tempo.

-E a Universidade perdeu moito alumnado no campus lucense...

-É necesario un maior esforzo para promocionar o noso campus. Non se pode deixar perder un potencial así. A provincia perde poboación e un xeito de combater esa perda é que os mozos lucenses estuden aquí e atopen traballo aquí.

-Vive en Vilalba e estuda en Santiago. ¿Como fai para exercer a secretaría xeral das XX.SS.?

-Pois a verdade é que se estudas, non hai moito tempo, e, se traballas, tampouco. Eu conto coa xente das agrupacións locais, que fan un gran traballo de colaboración.

-Cal é a actividade habitual de Xuventudes Socialistas?

-Centrámonos nos asuntos que máis preocupan a mocidade na provincia de Lugo. O último que fixemos foron unhas xornadas pola igualdade.

-Houbo un tempo en que se dicía que o de esquerda/dereita era algo superado...

-Eu nunca estiven de acordo con iso. Hai esquerda e hai dereita. Tampouco estiven nunca de acordo con iso de vella e a nova política; para min hai boas e malas prácticas políticas.