Patrocinado porPatrocinado por

Un motor de riqueza global

José Juan Durán PRESIDENTE DE PORTOS DE GALICIA

SOMOS MAR

17 feb 2015 . Actualizado a las 22:12 h.

A singularidade do litoral galego e o seu sistema portuario é unha verdade indiscutible dende moitos puntos de vista. Do mesmo xeito, os nosos portos posúen a singularidade de seren espazos de natural convivencia de actividades. Os portos galegos albergan a confluencia harmónica do sector profesional, o comercial e a náutica. Mariñeiros, mariscadores e grandes operadoras comerciais conviven diariamente con xubilados do mar, amantes da navegación, turistas náuticos e deportistas, que poñen rostro á náutica recreativa na nosa comunidade.

Lonxe quedou aquela imaxe elitista do sector náutico, que o distanciaba do común da cidadanía. A día de hoxe, en Galicia a náutica é un soporte fundamental da actividade portuaria que non só se integra de xeito natural co resto de sectores marítimos, senón que se ten convertido nun motor de potencial riqueza e emprego para o conxunto da cidadanía.

Este sector ten aberto un nicho de negocio transversal que abrangue dende o sector auxiliar portuario, reparacións ou servizos, ata a hostalería, restauración e turismo, atraendo cada ano un maior número de visitantes a municipios de toda a nosa costa.

Por iso, dende a Consellería do Medio Rural e do Mar e Portos de Galicia non podemos escatimar esforzos en cumprir coa nosa responsabilidade de aproveitar todas as potencialidades dos espazos portuarios e neste caso as moitas posibilidades de negocio que permite o sector náutico, especialmente dada a situación estratéxica de Galicia no mapa marítimo internacional. E teño a satisfacción de estar a cumprir co noso deber.

O impulso á náutica é un eixo de traballo estratéxico para Portos de Galicia, a través da promoción, a coordinación dos axentes portuarios e o apoio incondicional a todas as iniciativas náuticas que veñen respaldadas polos especialistas do sector.