O 15M do sector pesqueiro español


O pasado venres en Burela, nos Encontros Empresariais de Organización Pesqueiras organizados por Expomar, a maioría do sector pesqueiro español sen distinción de flotas (baixura, litoral e Gran Sol), dixéronlle a Administración pesqueira española basta xa.

Basta xa de xestións ás costas do sector; basta xa de actuar con feitos consumados; basta xa de seguir apostando por reducir as flotas; basta xa de non contar cun IEO (Instituto Español de Oceanografía) traballando para o sector con medios axeitados á importancia do que nos xogamos; basta xa de esnaquizar as economías das empresas armadoras con sancións económicas desproporcionadas; en definitiva, basta xa de vendernos que a única solución que nos queda e aproveitar os novos fondos europeos para enterrar empresas e postos de traballo.

O sector dixo en Burela que non vai ser cómplice desta sangría social e económica que supón só na flota de arrastre galega de litoral que haxa 14 buques presentados para pasar pola guillotina do despezamento, que xa non lle valen escusas, ninguneos ou claudicacións como a que se fai ante Portugal non impoñendo as mesmas condicións a flota portuguesa que a española.

Este 15M será un punto de inflexión. O sector tende a man, pero non para seguir igual, a tende para, con lealdade e gran impulso político, salvar a pesca. Para enterralo, que non nos esperen. E quen non asuma e entenda isto, por favor, abandone o timón, e deixe o mando a quen sexa capaz de enderezar o rumbo en comuñón e colaboración co sector.

Votación
2 votos