Patrocinado porPatrocinado por

«É moi difícil, eu case diría que imposible, a unión de todo o sector»

Espe Abuín REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

MONICA IRAGO

Aposta por eliminar a veda da mexilla para ir esquivando o dano da toxina

02 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Javier Figueira (Taragoña, 1964) fuxe de eses lugares comúns que falan de unión, de ir da man... «É moi difícil, eu creo que imposible, a unión de todo o sector». Por unha parte, porque hai intereses encontrados -«nin sequera nos poñemos de acordo para pedir que se aplique a lei de morosidade», di- e, por outra, porque, «no sector bateeiro, debe ser porque andamos con sal, todas as feridas tardan moito, moito en cicatrizar; moito». Pero lonxe de ver un problema, amósase pragmático: «Hai que traballar e convivir con iso».

-¿Por que xurde Femex?

-Nace a raíz de crear a Administración a Comisión do Mexillón. Un grupo de pequenas asociacións que nos levábamos ben vímonos abocadas a darlle representatividade a un de nós para poder estar nesa comisión, xa que para ter un representante é necesario reunir 300 bateas, tal e como establece a orde que regula o órgano. Vimos posibilidade, e en parte a necesidade, de organizarnos de outra maneira para ter máis peso diante da Administración e de outras organizacións do sector. Así xurdiu Femex.

-¿Ven afondar na atomización do sector ou pretende agrupar?

-Non imos con ánimo de ser máis grandes que ninguén. Nos o que miramos é que somos unha serie de asociacións, que temos obxectivos comúns e que iso é o que temos que potenciar, non as diferenzas que hai. Dentro de cada zona hai distintas bateas, diferentes calidades de mexillón, dispares intereses entre asociacións... Pero hai problemas comúns, como pode ser o da toxina, que o que nos fai unificar criterios para velar polos nosos intereses e tratar de minimizar os danos que nos ocasiona.

-¿Cales son os obxectivos que lles fan ir da man a esas 6 agrupacións que se abeiran en Femex?

-Por exemplo, cando o episodio tóxico de primavera, houbo que solicitar prórrogas do permiso para recoller crías, que vencía o 30 de abril. Tamén nos acaban de conceder permisos para estender o chicoteo (atar os extremos da corda con semente á batea para que todo o mexillón creza de forma homoxénea), vital para as nosas bateas, que algunhas están en zonas de crecemento baixo. Ao fío desto tamén solicitamos unha modificación das normas para que todas as bateas podan dispor de 6.000 metros de corda, porque hai polígonos onde non se chega aos 12 metros de profundidade e, por tanto, non poden alcanzar o máximo permitido para o cultivo de mexillón, que son 500 cordas de 12 metros... Quizá outras agrupacións, con ser máis grandes, eses problemas non os ven coma nós.

-Este ano o problema máis grave será o da toxina, é de supoñer.

-Sen dúbida, porque nos está a cambiar os ciclos de produción. Aparte das perdas que se podan sufrir por desprendementos, ao alargarse moito no tempo fai que os ciclos de cultivo non sexan os adecuados. E iso nótase na calidade, porque non lle podes dar aos teus clientes o tamaño que piden.

-¿E iso cómo se pode remediar?

-Nós solicitamos á Administración que se permita extraer mexilla [cría] durante todo o ano. Creo que xa teñen estudos suficientes que demostran que a veda da semente non facilita que haxa máis cría e, sen embargo, ao que nos están abocando é a concentrar a produción de todo o sector en determinados meses nos que, por riba, hai toxina. Iso vai xerando acumulación, máis tensións nas ventas, e sobreoferta, porque os polígonos que poderían ter xa vendido non sacaron porque están condicionados a que só se pode coller cría do 1 de decembro ao 30 de abril.

-E os prezos seguen estancados.

-Pero polas tensións que nos vai xerando aos produtores. Se este ano en primavera non houbera tanta toxina, habería polígonos baleiros. O que hai que intentar é que as zonas que estean abertas extraian o mexillón e despois que non xeren esa sobreoferta cando empecen a abrir os outros.

-Iso require coordinación.

-Con eliminar a veda da mexilla xa se podería facer moito de organización e para paliar o dano da toxina. Non se vai ser dun ano para outro, pero si se pode ir facendo un cambio na produción para minimizar este problema, porque está claro que a toxina non vai ir a menos. Podemos anticipar o ciclo do mexillón e quitalo na primavera, antes do verán. Quedarían así zonas libres e habería menos oferta cando saquen o mexillón dos polígonos que estiveron máis tempo pechados, co que non habería esa presión sobre o prezo.

-¿Cal é a prioridade?

-Eliminar a toxina do mexillón.

-¿Non é imposible?

-Tallantemente, non.

-¿Teñen algún proxecto?

-Non lle vou dicir nada.

-¿Nin se estamos lonxe?

-Non, eu creo que non se está.

«Antes, co rato, xa tiñas unha idea de se ía haber peches ou non; agora é por sorpresa»

Unha das cuestións polas que Figueira cre que a unidade do sector é irrecuperable é porque parte importante do sector que se posicionou a favor do sistema de análise químico da toxina e non quer dar o brazo a torcer aínda vendo os problemas que ten.

-¿Qué problemas ocasiona?

-Antes, o bioensaio aínda daba algunha información. Se morría un rato xa podías programar a xornada de traballo. Agora, co químico, pode pasar como a semana pasada, que ás dez da mañá, cando estás traballando, che din que ese polígono está pechado e che crea un problema gordo. Polo menos xa está resolta a cuestión da industria, que nos pedía mexillón con menos de 70 microgramos porque houbo digamos un lapsus do laboratorio de referencia, que debe estar en Noruega, non en Vigo, e esqueceu o bivalvo que ía para a conserva ou a conxelado.

-¿Por vós volvería o bioensaio?

-Por nós si. E que replicaran os alemáns con iso do benestar animal que lle falaría dos polos que trituran vivos.

-¿Hai que cambiar a forma de vender?

-O que hai é que exportar. Sempre o dí a Administración, pero despois non fai nada para favorecer esas ventas a fóra. Temos o mellor mercado que hai para o mexillón, que é Europa, e parece que non sabemos comercializar. Non son partidario de que a Administración tutele, pero o que non pode ser é que queiras vender a Rusia e non podas porque ten que vir Sanidade e resulta que ese día non pode.

-¿A competencia de Chile segue a ser un problema?

-Claro, pero hai que ser competitivos. Pode que porque a maioría das empresas son familiares, de dimensións pequenas, pero séguese cos formatos de sempre, e cando ves o que comercializan en Europa os franceses, os holandeses ou os italianos, a evolución é considerable. Aquí, máis que a vender, estase acostumado a que che compren, e as empresas téñense que dar conta que as caixas a granel de dez quilos de vianda conxelada poden vir de calquera parte do mundo. Hai que mirar pola competitividade, pola diferenciación, por un produto de mellor calidade...

-¿Nesa diferenciación pode axudar a denominación de orixe?

-Pode, pero non o fai, porque non todo o mexillón entra dentro dos parámetros da DOP. Pero si se poden facer marcas colectivas.