«Sentímonos orgullosos de ser de Carballo»

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

MERCADOS

Mercedes Fraga Rey, directora comercial de Herfraga

02 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

José Fraga Varela fundou o taller inicial no 1930. Tivo seis fillos: José, Manuel, Dolores, Carmen, Antonio e Milagros Fraga Abelenda. Mercedes Fraga Rey, xunto coa súa irmá María José, é filla de José. Ambas forman parte da directiva, xunto con Loli, Juan e Carmenza García Fraga, que son fillos de Dolores. Manuel tivo unha: Beatriz. Carmen, outro: Marcos. Antonio, que é o presidente, tamén ten unha filla: Déborah. Herfraga é, como se ve, unha familia.

­-Criáronse no taller.

-Si, xogando na fábrica [viven enriba]. Andabamos cos patinetes por aquí... Hoxe non se pode, por prevención de riscos laborais [sorrí].

­-Reciben visitas constantes.

-Si, esta semana tivemos un cliente de Arxelia que xa ten máquinas nosas. A pasada, uns galegos. As máquinas máis próximas en saír serán para Tailandia e Papúa Nova Guinea. Estamos nun mundo globalizado e nós somos unha empresa pequena: o complicado é atender todas as esixencias e demandas de entidades, institucións... Require de moito traballo.

­-As súas máquinas levan un nome: «Herfraga Carballo». É unha marca recoñecida, mais tamén un compromiso co pobo.

-Sempre nos sentimos orgullosos de Carballo, de ser de Carballo. As nosas raíces están aquí. Vendemos a todo o mundo dende Carballo.

­-¿Haberá cuarta xeración?

-Fomos nais tardías, e a cuarta xeración é nova. Poida que si: o fillo de Loli estuda enxeñaría...