Salarios e riqueza, a eiva que se agrava

Manuel Lago
Manuel Lago PORTAVOZ DO GRUPO COMÚN DA ESQUERDA NO PARLAMENTO DE GALICIA

MERCADOS

MONICA IRAGO

29 dic 2019 . Actualizado a las 05:08 h.

A Axencia Tributaria fixo público hai uns días o informe Mercado de traballo e pensións nas fontes tributarias correspondente ao 2018. Trátase dunha información exhaustiva sobre os ingresos salariais, tanto para o conxunto de España como para as comunidades. A súa principal característica é que non se trata dunha estatística feita sobre unha mostra reducida, senón dun estudo censal (construído coas declaracións do modelo 190) no que figuran todas as persoas que traballaron como asalariadas no 2018, incluídas as que teñen retribucións inferiores ao mínimo legal que obriga a facer a declaración do IRPF.

Esta é a razón pola que o número de persoas asalariadas rexistradas na Axencia Tributaria é maior que as da EPA ou da Seguridade Social e que os salarios sexan menores, porque a EPA estima os valores en media anual (tanto no número de persoas como nos salarios que perciben) e no informe de Facenda son os datos individualizados de todas as persoas que nalgún momento do ano recibiron un salario, aínda que fose un só día.

O informe da Axencia Tributaria pon de evidencia os problemas do noso mercado de traballo: hai unha elevada precariedade e rotación laboral que se traduce nun número elevado de persoas con baixos ingresos, o que provoca pobreza laboral e un inaceptable nivel de desigualdade no reparto da renda.

No ano 2018, en Galicia foron 835.065 as persoas que tiveron como único ingreso o seu salario. Outras 159.299 persoas rotaron entre o emprego e o desemprego e 50.785 persoas estiveron no paro todo o ano. Ademais, hai tamén 51.158 persoas que se xubilaron ao longo do 2018 e, polo tanto, foron asalariadas nunha parte do ano e pensionistas o resto. A suma dos diferentes colectivos dá a cifra que conforma o mercado de traballo en Galicia: 1.096.307 persoas.

A precariedade laboral ten formas diferentes: traballar con contrato temporal, a tempo parcial, rotar entre o paro e o emprego precario, traballar só unha parte do ano... Pero a consecuencia é a mesma: baixos soldos que converten en pobres ás persoas que os cobran, porque a pesares de ter traballo, non poden vivir do seu salario.

O informe permite cuantificar este mundo da pobreza laboral en Galicia. No 2018 foron 173.000 as persoas asalariadas que ingresaron menos da metade do salario mínimo interprofesional (SMI), que nese ano era de 736 euros ao mes. Isto é, o 17 % do total de traballadores ingresaron menos de 350 euros netos ao mes. Outras 141.000 tiveron ingresos superiores a esa cifra, pero por debaixo do SMI, e polo tanto non chegaron a ingresos mensuais de 700 euros. Ámbolos dous grupos conforman o colectivo da pobreza laboral en Galicia. Son 314.000 persoas que cobraron salarios tan baixos que non poden ter unha vida independente. Son o 30 % do total, o que significa que case unha de cada tres persoas asalariadas en Galicia tivo ingresos por debaixo do limiar da pobreza o ano pasado.

Son pobres laborais porque traballan a tempo parcial, porque son fixos discontinuos, porque apenas traballan algúns meses ao ano, porque están en confusas categorías laborais formativas, porque son falsos autónomos, porque traballan a través de empresas interpostas ou vinculadas ás plataformas que esconden relacións laborais baixo formulas mercantís.

Mala calidade do emprego

Salarios baixos que, en termos máis xenéricos, están provocados por tres razóns diferentes pero complementarias: a mala calidade no emprego, a debilidade na especialización produtiva, cun peso excesivo das actividades de baixo valor engadido, e a desequilibrada estrutura empresarial, co predominio da pequena e moi pequena empresa. Un pouco por riba desta categoría, pero aínda dentro da precariedade salarial, hai outras 181.000 persoas que no 2018 cobraron un salario mensual inferior a 1.000 euros netos.

A suma de ámbolos dous grupos conforma o universo da precariedade salarial: son case 500.000 as persoas que, traballando como asalariados, non chegan a ingresos de mil euros netos ao mes. Unha cifra moi alta, porque equivale ao 47 % do total de asalariados: case a metade das persoas que traballan por conta allea en Galicia non chegan á categoría de mileuristas.

Esta elevada precariedade salarial é a causa dunha enorme desigualdade que o informe permite cuantificar. As 173.000 persoas que ocupan o chanzo máis baixo da escala teñen ingresos medios de 2.174 euros no total do ano. No extremo contrario están as 3.600 persoas que, con ingresos medios anuais de 183.051 euros, conforman o chanzo máis alto da escala salarial.

A comparación de ámbolos dous grupos danos a primeira e máis intensa cuantificación da desigualdade: os ingresos dos que máis cobran multiplican por 84 veces os dos que menos gañan. Os datos da Axencia Tributaria serven para demostrar un proceso de acumulación da riqueza que non deixa de agravarse. En Galicia, as 3.600 persoas con maiores ingresos acumularon unha masa salarial que duplica a que suman as 173.000 persoas con menores ingresos.

Ampliando algo o grupo das persoas con maiores ingresos, o 5 % do total das persoas asalariadas acumulan a mesma porcentaxe de masa salarial que o 47 % que menos cobra. Para que se entenda mellor, a masa salarial das 54.000 persoas con maiores ingresos é a mesma que a suma das 494.000 persoas con menos ingresos.

A fenda dos mozos

Pobreza laboral e desigualdade que afecta de forma especial ás persoas máis novas, porque os salarios son máis altos nos tramos de idade máis elevados é son as persoas novas as que sofren con maior intensidade o problema da pobreza laboral: todos os tramos por debaixo de 36 anos situáronse por debaixo da media.

As 302.000 persoas menores de 36 anos teñen, en valores medios, salarios inferiores a 15.000 euros anuais, cifra equivalente a menos de 1.000 euros netos en catorce pagas, o que significa que en valores medios as persoas novas non chegan a mileuristas. Este patrón de comportamento faise evidente ao analizar os datos dos máis novos entre os novos, porque as 85.000 persoas entre 18 e 25 anos ingresaron de media menos de 7.000 euros no ano 2018, unha cifra equivalente a pouco máis de 500 euros netos mensuais, cifra que está por debaixo do limiar da pobreza.

A existencia de traballadores pobres é inaceptable nunha sociedade democrática. As persoas deben poder vivir do seu salario. En España, ademais, é un dereito constitucional, tal como se recolle no artigo 35, que establece o dereito ao traballo e a unha remuneración suficiente para satisfacer as necesidades da persoa e da súa familia.

Cumprir este mandato constitucional pasa por impedir as formulas precarias de contratación por un lado, e por seguir subindo o salario mínimo interprofesional por outro, o que beneficiará de forma especial ás persoas máis novas.