«Non podes facer folk de costas ao pasado musical galego»

AROUSA

MARCOS MÍGUEZ

O líder da banda galega con máis historia conta o segredo de manterse 35 anos nos escenarios

20 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Milladoiro estará este sábado no auditorio. Visita a capital cun espectáculo que recolle 35 anos de carreira. Xosé Ferreirós, un dos seus fundadores, conta os segredos de máis de tres décadas sobre os escenarios.

-¿Que poderán ver os ourensáns o sábado?

-O que estamos facendo é unha selección do máis importante dos 35 anos de carreira. Acompáñannos dous bailaríns de danza contemporánea que participan nalgúns temas. Son Eva Faraldo e Xesús Quiroga. Tamén imos introducindo algúns temas novos que estarán na próxima gravación, na que xa estamos traballando.

-¿Como seleccionan eses temas de 35 anos de carreira?

-É complicado, xa que son vinte traballos gravados. Tes que facer unha criba importante. Pero moitas veces esta selección xa ven dada polo público. Hai temas que sempre espera e non poden faltar. E incluso, ás veces, incluímos temas que no seu día pasaron desapercibidos pero que para nós teñen importancia. É unha maneira de poñelos ao día. E tamén temos que estar todos de acordo. O de ser moitos nunca foi problema porque nós falamos moito. Ten a desvantaxe de que non é un criterio único pero ten unha vantaxe, xa que é mais fácil que un só se equivoque.

-Varias xeracións de galegos seguen a súa música.

-Son moitos anos. Tantos que algúns din ‘xa están moi vistos’ pero outros descóbrennos agora. É como se falas dos Rolling Stones ou os Beatles. É xente que ten moito traballo detrás e que moita xente vai descobrindo. A miña filla, por exemplo, hai pouco que descubriu ós Beatles e agora sabe todo deles a nivel musical. Pensas, ¿como é posible? Pero ocorre. Logo outra historia é que goste ou non.

-¿Cal é o seu segredo para aguantar tanto tempo nos escenarios?

-Non o sabemos. Pero creo que hai algunhas claves. É importantísimo que creas no traballo que fas, que non sexa unha pose. Tes que ter moi claro de onde procede esta música. Non podes facer folk de costas ao pasado musical galego, ao que nos aconteceu, como foron os coros, os gaiteiros, as pandereteiras. Tes que estar moi empapado de todo iso que hai detrás e facelo a partir de aí. Ter unha boa base. E outra das claves ten que ver co feito de ser unha agrupación. No mundo artístico hai moitos egos. Iso fai que grupos de xente moi boa acaben pechando. Tes que ter unha capacidade grande para saber oír aos demais e soportar o que digan de ti. É un exercicio difícil de aprender, pero faise. En Milladoiro se alguén fai un tema novo e non gusta, ten que deixalo. E que non pasa nada. Iso foise aprendendo. Por exemplo, a partir do primeiro disco nunca máis apareceu un nome persoal nunha composición, aínda que si ten un autor e todos sabemos quen o fixo. O nome é Milladoiro, porque sempre pasa pola man dos sete compoñentes. Penso que o proxecto ten que estar por riba dos individuos.

-¿Síntense queridos?

-Moi queridos. Temos dende a medalla de ouro de Galicia, á Castelo ou a Otero Pedrayo... E se non fósemos queridos non estariamos 35 anos no escenario.