Ao outro lado da fronteira do reguetón

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Letras profundas e de denuncia social caracterizan a esta banda de «thrashcore»

03 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Din os que algunha vez sentiron correr polas súas veas a adrenalina que supón estar enriba dun escenario deixándose acariñar polos aplausos do público que, coma se dunha droga se tratara, a música engancha para sempre. Quizais por iso son moitos os artistas que, véndose incapaces de deixar as táboas, crean novas formacións na procura dun oco nun eido que cada vez semella ser máis restrinxido. Foi así como hai un ano e medio xurdiu Cromer, unha amalgama de talentos e de estilos encadrada no denominado thrashcore, un subxénero do hardcore punk. Aínda que algúns dos seus integrantes pasan dos 30, e mesmo dos 40, están dispostos a dar caña da boa.

Todos eles teñen como denominador común o feito de levaren case toda a vida tocando, de pertenceren a unha das xeracións máis prolíficas de Barbanza musicalmente falando. Tevra, Areabasta e Miscelánea son algunhas das bandas das que proceden. Txema Pombo, Benja Moraña, David Alfonso González e Anxo Arnoso, todos eles de Palmeira, foron os impulsores deste proxecto. O boirense Estevo Silva completou o quebracabezas: «Coñecémonos a través de Facebook. Eles buscaban un cantante, eu vin a mensaxe e ofrecinme. Fixemos unha proba, o resultado convenceu e aquí estamos».

Hard rock, heavy e rock puro son algúns dos estilos que se mesturan en Cromer; unha banda que apostando pola orixinalidade, ofrece un repertorio de temas propios, con letras compostas por Estevo Silva, o cantante, e música que brota dos instrumentos dos seus catro compañeiros de aventura. «Son letras profundas, de denuncia social e que reflicten o transcorrer da vida. Todas tentan ter un toque de narrativa», explica Silva.

A voz desta banda quere deixar claro que o público non vai atopar en Cromer ningún parecido, nin de lonxe, co afamado reguetón, un estilo ao que se opón sen compaixón: «Estou en contra totalmente das súas letras machistas e do comportamento deleznable de algún dos cantantes. Eu prohibiría o reguetón, polo menos en parte. Estou a favor das letras divertidas, pero das sexistas non, para nada».

Madurez sobre as táboas

A idade e a traxectoria que se forxou tralo paso por diferentes grupos concédenlle aos membros de Cromer unha madurez que queda patente enriba do escenario: «Vimos dunha xeración moi prolífica e de bandas que foron moi potentes, e iso sempre se nota», sinala Estevo Silva. El, coma os seus compañeiros, está convencido de que o grupo pode situarse nun moi bo nivel. Demostrarano mañá, no concerto que ofrecerán na Pousada das Ánimas, unha sala que sempre impón, pois trátase dun referente en Galicia. Os barbanceses pisarán nun escenario no que aínda se atopa a pegada que deixou o pasado fin de semana o Gran Wyoming: «Actuar alí, diante de xente que está afeita a escoitar ao mellores grupos, sempre impón, pero estamos moi ledos, sobre todo eu, que volvo á casa».

Estevo Silva, que asegura que Cromer será probablemente a súa última banda, quere demostrar que «con 40 se pode seguir dando caña importante». Tanto el coma o resto de membros do grupo teñen a música como afección, coma «un xeito de pasalo ben e de pegar catro berros cando chega o fin de semana», pero a gravación dun disco forma parte do seu horizonte: «Estou case seguro de que o conseguiremos», comenta Silva.

Materializar este soño depende de dous factores: contar cos fondos necesarios e ter tempo para afrontar o longo proceso. A materia prima está lista: «Temos temas suficientes para un disco cen por cento Arousa norte».