Amalgama de sons froito da casualidade

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O grupo xurdiu cun concerto organizado no instituto con motivo do día da paz

15 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Un grupo de mestres e alumnos do instituto Virxe do Mar de Noia uníronse en xaneiro do 2007 para conmemorar o día da paz interpretando un par de temas musicais. Aquel foi o xermolo dun coro que leva desde entón animando sinaladas xornadas, tanto no centro educativo como fóra. A impulsora do grupo, Pilar Melcón Núñez, asegura que é o amor pola música o que mantén viva unha agrupación que conta na actualidade con 25 persoas, entre as que hai profesores, estudantes, pais, persoal non docente e xubilados.

Foi Pilar Melcón a que lle deu o primeiro empurrón ao Coro do IES Virxe do Mar, asumindo incluso a tarefa de dirixilo no que foi o primeiro concerto oficial, que tivo lugar hai unha década, coincidindo coa celebración en Noia dun congreso de dentistas: «Quedaramos tan satisfeitos da actuación no instituto que nos seguimos reunindo e ensaiando cancións». Parte destes afeccionados á música xa compartiran unha experiencia común anterior, nunha formación integrada na escola de música de Portosín. Ao director que tiñan alí, Ramón Bermejo, recorreron cando foron conscientes de que querían un longo percorrido para o novo grupo.

Melcón asegura que este director é unha peza fundamental na historia do coro: «Grazas aos seus coñecementos e á súa experiencia podemos ofrecer un repertorio singular, moi diferente ao de outros coros». Música antiga, ritmos galegos, canción lixeira, adaptacións de pop e de rock, e mesmo sons espirituais conforman a amalgama coa que a formación noiesa agasalla os oídos dos espectadores.

Aínda que a agrupación non ten unha apertada axenda, a paixón pola música é o seu motor principal: «Boa parte dos compoñentes somos mestres e, polo tanto, bos coñecedores e defensores do poder unificador e educador que ten a música, que é sinónimo do máis fermoso que un se poida imaxinar», sinala Pilar Melcón.

Lembranzas e retos

Se ela, como impulsora do coro, tivera que destacar un momento destes dez anos de historia, quedaríase co comezo: «O nacemento foi precioso. Ver que dunha casualidade xurdiu esta formación, cunha calidade aceptable, é moi fermoso». Tamén lembra con cariño a participación en varias edicións da Feira Medieval, con divertidas actuacións na rúa, e os concertos que cada ano, polo Nadal, o coro protagoniza xunto coa banda de música local.

Ademais de para facer un repaso da traxectoria, un décimo aniversario tamén é un bo momento para poñer enriba da mesa as contas pendentes. Para Pilar Melcón, o reto principal é conseguir que o coro siga vivo: «A agrupación foi cambiando de integrantes, pero conta cun núcleo que se mantivo sempre. Un conxunto destas características non é doado, pois os alumnos do instituto marchan e chegan outros, por iso o importante é resistir».

Das gañas que afloran con cada comentario que esta mestra fai sobre o coro é doado deducir que a agrupación ten por diante unha longa vida. Conta para iso con dous puntais: Ramón Bermejo, un director que exerce de nexo de unión, e o coro de estudantes que existe no instituto Virxe do Mar, que aspira a ser a mellor das canteiras.