«Ghaleghos e orghullosos de selo»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

MARCOS CREO

Un vídeo no que catro mozos de Rianxo e Dodro defenden e reivindican o emprego da lingua galega con seseo e gheada incluídos está arrasando na Rede

25 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás veces os mozos, ese colectivo que moitos tachan de ninis nestes tempos difíciles, son quen de sorprender aos adultos, incluso aos máis ilustrados. Proba disto é Ghaleghos, un vídeo ideado por unha rianxeira de só 19 anos que, coa complicidade de tres amigos está revolucionando a Rede. En só dous minutos, estes catro mozos imparten unha lección sobre a defensa da lingua, amosándose orgullosos de falar o galego que mamaron, con gheada e seseo incluídos, e reivindicando poder seguir empregándoo con total liberdade, sen seren obxecto de críticas.

«Nasín falando con seseo e gheada e quero seghilo fasendo, e non quero que me chamen inculto». Esta é unha das contundentes afirmacións que se fan no vídeo que Noelia Gómez Calo ideou como traballo para as clases de galego de Xornalismo, carreira que estuda na USC. Para poñerlle voz a esta e outras rotundas oracións, contou coa colaboración de Martín Piñeiro e Ana Rei, de Imo (Dodro), e do tamén rianxeiro Carlos Rey, que a axudou no proceso de elección das localizacións.

A Lavandeira, un conxunto de hórreos situado en Imo; o miradoiro de Bexo e o ría Ulla ao seu paso por Leiro son os escenarios elixidos por estes mozos para berrarlle ao mundo que son ghaleghos e que están orghullosos de selo. «Eu son de Rianxo e o que quería era reivindicar as peculiaridades da miña zona e, de forma paralela, defender as distintas variantes do galego», explica Noelia Gómez.

E á vista está que esta rianxeira conseguiu o seu obxectivo. Desde hai catro días, o seu vídeo corre como a pólvora por Internet e recibe miles de visitas nas distintas plataformas nas que está colgado. Só en Youtube, portal ao que a estudante de Xornalismo asegura que subiu o traballo días despois de que estivera rematado e de forma casual, pois «non pensaba que puidera interesarlle a ninguén», xa está preto das vinte mil visitas.

Aplausos desde a RAG

Diante de tanto éxito, as reaccións non se podían facer esperar e tradúcense en felicitacións. Desde todos os recunchos de Galicia se aplaude a iniciativa, sobre todo porque partiu dunha xeración que terá marcará o futuro da lingua. Tamén desde a Real Academia Galega se ve con bos ollos o chamamento que se lanza desde Barbanza. O académico Xosé Luís Regueira animou incluso aos catro mozos a ir máis alá: «É unha iniciativa a aplaudir que se defenda a forma propia, que é tan lexítima como calquera outra. O que teñen que facer é empregalo, facelo normal».

Pese a recoñecer que a RAG non promove o emprego do seseo e da gheada no eido público, citando por exemplo medios de comunicación e conferencias, o académico afirmou que «non hai ningún sitio no que se diga que o galego con seseo e gheada non é normativo; de feito, nas normas ortográficas si que se contemplan esas variedades e a nivel fonético están aceptadas».

Pero desde o vídeo que estes días está a recibir miles de «me gusta» nas redes sociais reivindícase algo máis. Lonxe de normas escritas, os seus protagonistas amósanse satisfeitos polo mero feito de seguir falando a lingua que aprenderon dos seus pais, dos seus veciños da aldea. Atrévense incluso a chamarlle incultos «aos que se rin da nosa forma de falar» e non dubidan en berrar alto e claro que son «ghaleghos», que falan «ghalegho» e que se senten «moi orghullosos».