John Rutherford: «Uns obreiros foron os meus primeiros profesores de galego»

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Rutherford falou do seu traballo como tradutor na Facultade de Filoloxía.
Rutherford falou do seu traballo como tradutor na Facultade de Filoloxía. PACO RODRÍGUEZ< / span>

O docente inglés considera que Ferrín é o autor máis difícil de traducir

29 oct 2014 . Actualizado a las 08:09 h.

John Rutherford (Reino Unido, 1941) non se cansa de repetir que coñecer Galicia hai máis de 50 anos cambiou a súa vida. A culpa de todo tívoa un intercambio cun mozo de Ribadeo, que lle permitiu viaxar ata aquí e comezar unha historia de amor coa súa muller, pero tamén coa cultura e o idioma galego. A súa promoción valéronlle numerosos recoñecementos, como a medalla Castelao, os premios Trasalba e da Crítica e o nomeamento como doutor honoris causa pola Universidade da Coruña, que onte visitou para dar unha charla.

-¿Que atopou en Galicia que tanto lle gustou?

-Cando cheguei por primeira vez a Ribadeo no ano 1959 era un mundo distinto, que non soñara nin que puidera existir. Eu viña de Londres, cunha vida monótona e gris. Vivía nunha parte da cidade que todo eran rúas, rúas e rúas iguais, sen ningún sentido da identidade e da comunidade. Eu buscaba escapar desa vida indo moito ao cine. Os sábados había sesións especiais para nenos nas que soñaba con esa vida que pensaba que só existía nas películas, ata que cheguei a Ribadeo, algo tan diferente que parecía unha película.

-¿Por que Ribadeo?

-Tiña 17 anos e aspiraba ir á universidade a estudar idiomas. Os meus profesores dixéronme que o meu español era moi deficiente e que necesitaba melloralo se quería ter algunha posibilidade de ser aceptado na universidade. Por pura casualidade, eses días chegou unha carta dun mozo de Ribadeo que pedía un intercambio, e era o ideal para min.

-¿Mellorou o español ou se pasou xa o galego?

-Mellorei o español, porque naqueles anos do franquismo case non oín falar galego en Ribadeo. Aprendín a falalo despois de case dez anos, cando comprei unha casa e fixen amizades cos obreiros, que me levaban de pesca e sempre falaban galego, aínda que ti lles falaras en castelán. Eses obreiros foron os meus primeiros profesores de galego sen eles sabelo.

-¿E logo xa veu a tradución de autores galegos?

-Primeiro traducín do español, El Quijote e La regenta, e nos 90 xa comecei en serio coa fundación do Centro de Estudios Galegos en Oxford, no que traducimos contos e obras de autores diferentes.

-¿Cal foi o máis difícil?

-Eu diría que Ferrín. É un autor magnífico e un dos mellores. Pero Ferrín forza a linguaxe e non se deixa levar polo uso normal da lingua e as frases feitas. A el gústalle obrigar á lingua a dicir o que el quere, e ese uso tan persoal fai del un autor marabilloso, pero tamén moi difícil de traducir.

-¿E o mais doado?

-Ningún. A tradución literaria nunca é doada. Sempre é difícil.

-¿Que lle queda por facer?

-Agora estou traducindo ao inglés sonetos españois do século de ouro, e quédame moito traballo para todo o inverno. Pero gustaríame escribir outra novela en galego.

-Despois de tantos anos entre Galicia e Inglaterra, ¿síntese galego?

-Síntome galego e inglés. Cando escoito falar aos políticos ingleses, síntome moi galego; e cando escoito falar aos políticos galegos, síntome moi inglés.

john rutherford profesor e tradutor