«A esmorga», a corredoira movie

CULTURA

OSCAR CELA

O reto era inmenso. Tanto artístico como conceptual. Levar «A esmorga» ao cine semellaba un salto ao baleiro para o que Ignacio Vilar contou con tres paracaidistas extremos -Karra Elejalde, Miguel de Lira e Morris-, e un punto de partida moi claro, o de facer cine de emocións envolto nesa opresiva atmosfera que tan ben reflicte a novela

21 nov 2014 . Actualizado a las 13:04 h.

Ignacio Vilar tíñao moi claro. Os personaxes desta película non ían saír de «parranda». Non. Esta era A Esmorga. Con todo o que iso supón. Que desde logo é moito, e a moitos niveis. A Esmorga, como non tardou en darse de conta Karra Elejalde, que interpreta ao Bocas, «está tan arraigada en el imaginario colectivo de los gallegos que creo que les va a resultar difícil sustraerse a ir a verla».

Aí pode estar a súa gran baza, pero tamén pode estar o seu gran risco. Recoñece o director que a esta película enfrontouse dun xeito totalmente distinto ao das súas anteriores obras, Pradolongo ou Vilamor. «Enfronteime a ela totalmente espido», di. Tan só cun par de premisas básicas. «Buscar o contraste entre un texto clásico e un nivel formal de vangarda. E non facer unha película de entertainment, senón procurar unha experiencia que emocione».

Outra das conclusións que non tardou en ser asumida por Ignacio Vilar foi que esta Esmorga ía ser unha película de personaxes. «Podíase facer unha película de paisaxes pero decidimos que o importante de A Esmorga era o trío», sinala o director.

O resultado, en palabras de Miguel de Lira, «é un cine á contra». O actor que interpreta a Cibrán destaca a valentía do director e produtor á hora de abordar este proxecto. «Enzoufouse como se fora bagazo nun alambique sen saber se este podía explotar. Porque realmente podería ter explotado en varios momentos. Pero de repente empezaron a caer gotiñas destiladas dun augardente excelente».

Cuestión de atmosferas

A Esmorga, o libro, provoca no lector unha vertixe de sensacións non so como consecuencia da tráxica fuxida cara a adiante dos seus tres protagonistas, senón tamén como froito dos claustrofóbicos ambientes relatados por Blanco Amor.

A Esmorga, a película, tiña por reto trasladar esas mesmas sensacións á pantalla. Para iso foi fundamental, por unha parte, o proceso de delineación dos personaxes, xurdido a partir dunha sorte de brainstorming rural que durante os quince días previos á rodaxe mantiveron o director e os tres actores protagonistas. E por outra, unha dirección de arte e fotografía que apostou por amosar atmosferas grises, opresivas, densas.

Para logralo a rodaxe fíxose en escenarios case sempre naturais de Ourense en pleno inverno. O resultado, explica Morris, que da vida ao Milhomes, é «unha película que se sofre vendo como se sufriu rodando». Máis explícita é aínda a visión de Karra Elejalde. «De los partos difíciles salen los niños listos», di o actor vasco, que gravou a película en galego tras un proceso de intensa inmersión lingüística.

Outra proba da meticulosidade coa que se levou a cabo o proxecto foi a presenza na rodaxe dun coach que ecualizaba os niveis de alcol dos tres protagonistas en cada escena. «Foi un acerto porque entre os moitos riscos desta película estaba tamén que nós, como actores, fósemos pasados», di Miguel de Lira. «Este home ilustróunos co que pasa no corpo en función do alcol que inxeriches, para que os tres estiveramos ecualizados a medida que iamos bebendo parecido, porque se un de nós daba pasado fodía o trío».

Entre eses moitos riscos que enfronta A Esmorga está tamén o que supón o feito de que se trate dun argumento coñecido para a maior parte dos espectadores. «Nesta película a clave non é o que se conta, que iso máis ou menos coñéceo todo o mundo, senón como se conta», recoñece Miguel de Lira.

«Non é una película que teña un argumento onde haxa unha intriga que vaia in crescendo», apunta Morris. «Si hai unha morte dun home, pero aínda que non houbese esa morte, os personaxes na súa fuxida poderían ter provocado calquera desgraza final. A atmosfera neste caso fai referencia ao estado mental de cada un con respecto os outros».

Para Miguel de Lira A Esmorga é unha traxedia á galega, no sentido que lle daba Roberto Vidal Bolaño. «Tres homes que caen en desgraza e van cara a unha traxedia sen volta atrás, pero unha traxedia que acontece como sen querer».

O salto ao exterior

A Esmorga estréase este venres en 32 salas de cine de Galicia, entre elas as de todas as cidades e as das principais vilas. Un fito nunca ata agora acadado por unha película galega. Para Ignacio Vilar «é fundamental que o noso cine estea na gran pantalla competindo co resto das cinematografías do mundo». Trala estrea en Galicia, A Esmorga dará o salto ao resto do Estado para o que xa existe unha versión dobrada ao español polos propios actores. «Pero para chegar fóra é básico que a película saia de Galicia con forza. E niso estamos empeñados».