Ramón Vilar Ponte (1891-1953)

| MARÍA DO PILAR GARCÍA NEGRO |

OPINIÓN

13 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

CÚMPRENSE, neste 14 de setembro de 2003, 50 anos do falecemento, na Coruña, de Ramón Vilar Ponte. Tendo máis proxección pública a actividade do seu irmán Antón, coidamos que, nunha cultura normalizada, a análise da obra do máis vello levaria, irremediabelmente, á análise e estima da obra do máis novo, por recíproca admiración, conxunción de intereses e traballo converxente. Foi Ramón o ideador das Irmandades da Fala, que dan pé ao que el propio denominou a Xeración de 1916, aquela que, no meio dos horrores da Primeira Guerra Mundial, emprende o Segundo Renacimento da Literatura Galega e asume a obriga de despertar a Galiza do seu sono suicida. El deu á literatura galega textos básicos nunha cultura adulta e moderna e, sobre todo, libros didácticos e úteis ao propósito da emancipación nacional. Eis os fitos fundamentais: Doctrina nazonalista (1921); Historia sintética de Galicia (1927, 1932); unha Historia da Lingua Galega , da que hoxe se conserva unha parte, interrompida a sua elaboración pola Guerra Civil. Estas obras e centos de artigos e doutros traballos académicos fan de Ramón a grande ponte pola que se transita de Murguía a Castelao, cuxo Sempre en Galiza bebe na Doctrina nazonalista e reafirma os princípios da necesidade do nacionalismo como garante da democracia, da paz e da igualdade entre os povos, vale dicer, do verdadeiro internacionalismo, antídoto contra calquer política imperialista. Fala Ramón da necesidade dun uso consciente, premeditado e sistemático da lingua galega, como restauración precisa para soerguer un idioma oprimido, deprimido e reprimido. É moito tempo de conxurarmos as consecuéncias dun duplo hiato que Ramón padeceu: o evidente da Guerra Civil e o provocado polo galeguismo despolitizador dentro do que a clareza, rigor e vigor nacionalista do seu pensamento non encaixaban. Orgullemo-nos nós, hoxe, do seu exemplo e da sua modernidade, un contexto en que os povos do mundo, lexitimamente, non nos queremos submeter aos designios do Amo Universal.