As escolas unitarias

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

18 oct 2018 . Actualizado a las 10:12 h.

Nunha recente reportaxe deste xornal destacábase a constante perda de escolas unitarias en Galicia, tendo en conta sobre todo o descenso da súa matrícula. A pregunta é se este e outros servizos sociais básicos do rural galego desaparecen porque a xente se vai, ou ben esta foxe ao terse perdido esa oferta. Calquera resposta ten relación co imparable avance da cultura urbana e, por suposto, co crecemento vexetativo negativo da poboación. É unha mágoa atopar as nosas aldeas cada día máis baleiras. A mediados do pasado século, os centros educativos galegos de ensino básico eran escolas unitarias rexentadas por un só mestre, ás que asistían alumnos de todos os cursos. Na década dos 60 van desaparecendo, co nacemento das agrupacións escolares e posteriores colexios nacionais. Este proceso, xunto coa desvinculación dos mestres do seu lugar de traballo, supuxo un dos primeiros e principais atrancos na perda de identidade do mundo rural galego. Houbo un desarraigo social e cultural dos alumnos e unha drástica redución da participación dos pais na vida escolar, todo iso agravado a finais de século coa Loxse. Despois deste éxodo, continuaron abertas moitas escoliñas, pero só con nenos da entón chamada etapa preescolar e, como moito, do primeiro ciclo de primaria. Fomentouse con iso unha educación personalizada e en contacto co medio social e familiar do alumno, aspectos ambos os dous esenciais na súa formación. Creáronse os colexios rurais agrupados, que engloban varias destas escolas. Estableceuse a figura do mestre especialista itinerante, para que os nenos das aldeas tivesen as mesmas oportunidades cós das vilas ou cidades. Dotouse ás unitarias de recursos didácticos e tecnolóxicos similares aos dos colexios. Os concellos prestaron sempre un grande apoio, principalmente na mellora das infraestruturas. Malia este importante esforzo de educación compensatoria, non se consegue evitar o descenso do número de escolas. Á xa citada razón demográfica, sumouse o feito de que os alumnos de tres anos xa poden viaxar no transporte escolar, ao dispoñer de acompañante. Por outra parte, cada día un maior número de pais prefiren levar os seus fillos aos colexios, nos que dispoñen de comedores e actividades extraescolares. Mentres, a Administración tenta manter unha postura racional neste complexo proceso. Á marxe doutras variables, ¿cal ha ser o límite de nenos para non pechar unha escola? Hai opinións para todos os gustos. Vénse tendo como referencia os 5 ou 6. En calquera caso, hai que recoñecer que con estas cifras os custos por alumno son moi altos e tampouco as condicións socioeducativas son as máis adecuadas.