Iso dicía o Dr. Oliveira Salazar. E pode que o mantivese de ter coñecido os datos abraiantes da pobreza na España de hoxe que acaba de facilitar Cáritas. O crecemento descontrolado da pobreza, a máis alta da UE-21, só é superada por Romanía e Letonia. E a renda media descendeu nun 4 por 100 (ou nun 9 por 100 se se compara a renda media por persoa co índice de prezos). O 30 por 100 di chegar mal a fin de mes, o 41 por 100 declara a súa incapacidade para atender gastos imprevistos, o 3,3 por 100 non ten ningún ingreso, nin do traballo, nin por paro, nin da Seguridade Social. A finais de 2011 máis de 580.000 persoas estaban nesa situación.
Trátase da consecuencia lóxica da política económica que se está desenvolvendo con apelación a «la sensatez de los españoles», consecuencia que a ninguén pode coller por sorpresa porque unha e outra vez, e en todo tempo e lugar, foi anunciada e agoirada. Redución das rendas salariais, pero nunca das rendas que proveñan dos beneficios. As consecuencias están á vista para quen non sexa cego.
Dito doutra maneira, non se está gobernando para o común das xentes senón favorecendo aos que máis teñen. O que orixina a crecente pobreza española que denuncia Cáritas e, á par, o aumento das diferenzas entre ricos e pobres. Pero non semella que nos decatemos do desastre que se aveciña por máis que as mentes máis lúcidas o veñan agoirando dende algúns anos atrás. Rabenando os salarios a consecuencia lóxica é que descenda a demanda. E isto, di Vicenç Navarro, é a «causa da Gran Recesión, camiño de ser xa a Gran Depresión», na que moitos viven xa ao día de hoxe. Xustamente o que o mesmo autor estima un gran desastre económico para o país. Como de costume, quixeramos non ter razón.