Montero, cheo de razón

Arturo Maneiro
Arturo Maneiro A XANELA

OPINIÓN

15 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Alonso Montero, novo presidente da Real Academia Galega, está cheo de razón cando afirma que hai amores que poden afogar o galego. Dende a inmensa distancia que nos separa no eido das ideas, non podo estar máis de acordo coas afirmacións de Alonso Montero sobre o galego e os nacionalistas. Ven confirmar algo que eu sempre defendín publicamente: a politización da defensa, promoción e imposición do galego por parte dos nacionalistas, especialmente do BNG, é un grave problema para a promoción do noso idioma.

En coherencia cos seus obxectivos, os nacionalistas consideran o galego como un elemento fundamental para conseguir ser unha nación independente. Unha cultura, unha lingua, unha nación. Tal actitude fai que exista unha identificación entre a militancia do galego e do nacionalismo, situación que provoca o rexeitamento do galego por parte daqueles que non se senten nada identificados co nacionalismo. Á súa vez, aparecen trazas de fundamentalismo nesa defensa do galego.

Se a todo isto se lle engade a actuación de entidades como A Mesa pola Normalización, defendida polo BNG, a Plataforma Queremos Galego, ou a utilización dos rapaces das escolas para reivindicar máis galego desde unha perspectiva nacionalista, sempre en contra da Xunta de Galicia -que leva investido millóns e millóns de euros na súa promoción-, temos unha mestura que identifica o galego non con Galicia no seu conxunto senón cunha parte da nosa sociedade.

Por iso está cheo de razón Alonso Montero. O galego debería quedar fóra da loita política. Non debe utilizarse o idioma como arma política contra unha parte dos galegos. Son moi loables todas aquelas iniciativas, plataformas ou mesas para defender, promover e incentivar o galego en calquera circunstancia. Pero estas iniciativas perden a simpatía da meirande parte dos galegos cando se utilizan contra outras institucións, contra outros partidos ou contra o Goberno autonómico, se non fan o que eles queren ou promoven. Isto divide aos cidadáns e prexudica o galego. Deberían pensalo.