X. M. Beiras no Olimpo

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

27 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa non sei cantos epitafios políticos se levan feitos de Beiras. De confirmárense as declaracións que se teñen avanzado, e que aínda non foron publicadas cando isto escribo, esta sería a terceira ou cuarta quenda deles. Como a miña profesión é a historia, téñolle moito respecto ao futuro e escasa vocación prospectiva, prefiro pensar o asunto historicamente.

Xa hai moito tempo que Beiras está no Olimpo de Galicia e no Parnaso das súas letras, o que case é o mesmo porque neste país non pode estarse cos deuses do valeroso clan dos galaicos sen antes estar coas glorias das letras e das artes. De Galicia e non dos nacionalistas, digo. Ficará máis claro canto máis tempo pase da época en que Beiras estivo na primeira liña de influencia política. Pero ese tempo aínda non empezou a contar.

Entre as moitas singularidades de Beiras non é a menor que na terra dos poetas chegara ao Parnaso dende esa ciencia social que chamamos economía, convertida en intérprete preferente do mundo da segunda metade do século XX, a través da que el explicou o país nun libro (O Atraso económico de Galicia) que aínda hoxe, corenta anos máis tarde, segue a ser o fundador do noso presente. Pódese discutir a súa obra como facemos algúns, pero é imposible negar o seu transcendente impacto. O Atraso nutriu a cerna do relato do que somos mais alá do seu autor e converteuse en dominante, do que hoxe podemos escoitar os seus retallos nun xuíz, nun gandeiro, nun militante independentista, no actual presidente da Xunta ou nun Telexornal.

Beiras pertence a unha xeración, a do 36, na que todo fiouse á política partidaria como vía certa e única de calquera solución colectiva. Con razón. Só os mellores e máis atrevidos podían ser chamados a un liderado político oneroso, cheo de incomodidades e amarguexos. A xente quéreo porque no país das reviravoltas fala claro aínda que fale en latín. Vestido de branco seguírono igual que se vai detrás do santo. Por máis retranca que use enténdeselle sempre o importante porque a súa clave está na construción de novas semánticas políticas -iso que os de Podemos están a ensaiar agora-: a «peste Fraga» ou o «narcopresidente» foron achegas contundentes das que só el foi quen. Mais claras que 50 discursos citando a Camus, falando das superestruturas do poder ou do capitalismo renano. Algúns quéixanse de que ten bula, pero non recoñecen que a gañou.

Os que empezaron hai máis de corenta anos deixan paso. Non é que remate o réxime da Transición ou que algúns queiran liquidalo ou que outros busquen a imposible revancha da ruptura que non foi. É só que o tempo pasa? para todos. Vendo algunhas reaccións destes meses, semella que non estaba previsto. Xa dicía a canción de Casablanca que as cousas fundamentais ocorren mentres pasa o tempo? as time goes by. Algúns terán que facerse maiores e deixaren de agocharse nas costas dos protagonistas de catro décadas. Despois do rei, Guerra, Cayo Lara e non sei cantos máis, Beiras di que non se presentará ás próximas eleccións galegas?, pero aínda faltan dous anos.