Contra Syriza e contra Podemos

OPINIÓN

27 ene 2015 . Actualizado a las 04:48 h.

Á marxe do que un pense desas opcións, a pregunta é que clase de democracia hai en organismos tan empoleirados como o FMI, o BEC ou a Comisión Europea ou en persoas como, entre outras, Lagarde, Juncker ou Oliver Blanchard para teren o valor de meter medo ás sociedades grega e española se votan opcións políticas como Syriza ou Podemos. Debe de ser porque eles nunca foron elixidos e debe de amolalos que os que posiblemente cheguen a selo acaben co seu negocio, co fabuloso negocio de enriquecer aos máis ricos empobrecendo aos máis pobres. A última pulla, por agora, é debida a Oliver Blanchard, acusando claramente de populismo ás mencionadas opcións políticas. Dende as primeiras filtracións do Goberno alemán sobre a materia, que Merkel tivo que negar dada a súa gravidade, certos poderes europeos non non paran de fabricar medo. Non deixa de ser curioso que estes, traidores á causa europea e á democracia, se preocupen dos posibles trunfos de Podemos e de Syriza e non teñan a menor preocupación polo tamén posible de Marina Le Pen e nada lle preocupe Viktor Orban. Ao mellor pensando mal acertamos. E que sigan mentindo un día si e outro tamén para ver se lles cremos que esas opcións políticas pretenden saír do euro ou non pagar as débedas, o que é absolutamente falso. E o mesmo cabería dicir dunha boa parte dos medios, poucas veces tan afastados dunha elemental ética informativa. Sorprende que nin sequera se sintan aludidos pola miseria e a loucura (Stiglitz dixit) que as súas políticas económicas nos trouxeron. Loucura ben coñecida en moitas latitudes e da que nos vai custar moitos anos saír. Pero na que seguimos e seguiremos: os dogmas non precisan da razón, abóndalles coa fe e os intereses que con ela se xustifican.