«Retornemos»

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

27 ene 2015 . Actualizado a las 04:47 h.

Parecía albiscarse algo de luz na Longa Noite de Pedra cando comezou a hemorraxia que hoxe mata o Impaís. O economista Xoán Ramón Allegue definiu a primeira vaga de emigrantes con estudos, á que pertence, como a «xeración do bacharelato superior»: nas cidades había institutos mais Compostela so ofrecía carreiras clásicas, e o desarrollismo do momento demandaba titulados en enxeñería e ciencias económicas. Daquela os destinos -a quince ou vinte horas de tren, en moitos casos- foron Madrid, Barcelona e Bilbao. Madrid, sen dúbida, enguliu a maior parte dos cerebros galegos en fuga da época. Alí nacería O tren que levaba a xente de volta pola beira do Miño; alí medraba, clandestino, un galeguismo de toda cor, desde o de María Victoria Armesto ao de Bautista Álvarez pasando polo de Ben-Cho-Sey. Malia as diferenzas ideolóxicas e de todo tipo entre eles, había un obxectivo común: mirar pola Terra abandonada e retornar a ela para facer país. Xa pasaron cincuenta anos daqueles tempos dos que falo; porén as cifras que publica La Voz fenden a alma: vaise a flor da mocidade, que se formou en Galicia como nunca dera soñado aquela xeración dos bachareis superiores. Neste intre crítico o galeguismo enche bocas agresivas e disólvese en siglas despistantes; mais a patria dos expatriados so ten unha vía de salvación: o retorno a Galicia; e, para conseguilo, cómpre aos galeguistas xuntárense nun so partido: Retornemos.