Oligarquía eléctrica?

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

24 may 2016 . Actualizado a las 11:49 h.

O balance de produción eléctrica en España dinos que en 2014 o 21.9% foi de orixe nuclear, o 16.4% por queima de carbón e o 18.9% por coxeración e ciclos combinados (aproveitamento secundario do calor xerado noutros procesos para producir enerxía). O resto, un 42.8%, foi xerada por fontes renovables: 20.4% eólica, 15.4% hidráulica e un 7% solar e térmica.

Pode parecer unha porcentaxe digna, pero logo de asistir esta semana a un foro organizado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, intúo que nos estamos alonxando do momento óptimo.

As novas enerxías renovables (eólica e solar) están en retroceso, fundamentalmente porque se suprimiu o marco legal baixo o que se crearan moitas iniciativas empresariais de pequena escala.

Coas leis recentes eses pequenos inversores perderon seguridade e, a día de hoxe, vense ás veces forzados a entregar a enerxía á rede case de xeito gratuíto. Semella ser un problema de índole política máis que de mercado, porque é a lei a que determina que tipo de enerxía ten a prioridade e a súa marxe de beneficio.

No pasado ano apenas se puxeron en marcha instalacións renovables en España, en contraste co que ocorre nos países do noso entorno. Que está pasando aquí? Segundo os afectados, as grandes empresas que controlan o sector eléctrico queren impedir o acceso ao mercado de xeración ao cidadán común, pois estarían vendo na figura do autoconsumidor o principio do fin da súa oligarquía.