Contra a democracia

Xosé Luís Franco Grande SOLEIRA

OPINIÓN

02 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Semella que hoxe todo se vén concertando contra a democracia. No noso entorno exterior as forzas antidemocráticas son poderosas e influentes: FMI, BCE e Comisión Europea, con membros non elixidos democraticamente, mediatizan de maneira vital as nosas sociedades e os países. Dominadas polo capital financeiro alemán, están ao seu cego servizo e en contra dos intereses dos pobos, como ben acreditan os recentes rescates da banca de diversos países europeos. E nada digamos xa da actuación daquelas institucións en canto á situación de Grecia: os intereses da banca foron de negociación prioritaria e os intereses da sociedade grega, por ela votados, case nin tiveron cabida nas negociacións, demostrando unha vez máis que a política segue secuestrada polo capital financeiro.

Por outra banda, este domina os medios de comunicación de máis difusión, de dentro e de fóra de cada país -axencias de noticias e xornais-, polo que vai sendo de necesidade recorrer a fontes de información estranxeiras -caso de Grecia, como máis recente-, o que nos fai recuar a tempos que un non quixera lembrar.

Tamén se exerce a censura, encuberta ou manifesta, sinxelamente vetando a colaboración de eminentes expertos que non interesan. En España constitúen moi sinalados supostos de persecución inquisitorial os relativos a coñecidos intelectuais e economistas, proscritos das páxinas de certos medios, como é ben coñecido. Sen liberdade non hai democracia. Sen liberdade teremos dogmas pero nunca pensamento crítico. O capital financeiro sente noxo da democracia. A liberdade, para el, é votar cada catro ou cinco anos. O resto só é encordio.

De ai o noxo que vén demostrando polas opcións políticas emerxentes de Grecia, España e outros países. ¿Cabe algunha dúbida?