Pranto por un neno

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

02 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Mentres no mundo se debatían problemas importantes, guerras, crise, Grecia, Ucraína, as subas e baixadas da bolsa e do petróleo, un neniño de tres anos saía do colexio da man dun mozo, compañeiro sentimental da súa nai. Nunha foto doutro día véselles aos tres, o neno no medio, sorrindo, feliz.

Así que é seguro que se foi con el confiado, indefenso, alegre, dando eses saltos de pardal que dan os nenos de tres anos. Onde imos ? debeu de preguntar cando viu que non ían camiño de casa.

E alegrouse ao escoitar que ían dar un paseo en coche. Espero que fose así, pequeno, que polo menos non sentises xa dende ese momento angustia ou medo, confío en que os teus ollos seguisen mirando inocentes o home que te levou ata a piscina onde apareceu o teu corpo. Quero pensar que todo aconteceu rapidamente, que te afundiches deseguida, empurrado cara ao fondo pola túa roupa de inverno.

Ogallá non entendeses a maldade ou a estupidez dese mozo que tiña celos de ti, ogallá non chegases a pensar que non hai anxos da garda que salvan os nenos do abismo, e que nin papá nin mamá poden acudir na túa axuda.

Ogallá haxa un ceo para os nenos, pequeno Alejandro. Ogallá.

Eu só podo dicirche que este mundo, que segue debatendo grandes temas, é máis triste dende que ti non estás, dende que o teu sorriso deixou de iluminalo. Máis triste e máis absurdo. Eu nunca entenderei a túa morte. Só podo chorar por ti, pequeno.