Vestidos

María Canosa
Maria Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

02 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao final, un acaba por entrar en canto xogo e ruxe-ruxe hai, aínda non querendo. Por que? Porque é do que se fala e do que se escribe. Resulta case imposible non saber quen é Belén Esteban, quen gañou o partido de fútbol o domingo, ou botar un ollo á fotografía do vestido de moda para decidir de que cor o ven os nosos ollos. Pola contra, non dei cun debate sobre a situación do Estado en condicións, no que eu quedara pegada á pantalla do televisor, ou ao altofalante da radio ou ás páxinas do xornal. Sei que é imposible, porque non se produciu. Os medios non poden contarnos o que non existe. E é unha mágoa, porque o necesitamos para saber exactamente onde estamos, e as opcións coas que conta o barco no que estamos metidos. Entendo que resulta máis sinxelo discutir se o vestido o vexo branco e dourado, ou azul e negro. Pero a realidade está máis alá dunha cor, dunha prenda. A realidade son todas as complicacións que é necesario resolver cada día. Na nosa casa, no noso traballo, no noso mundo... e tamén na nosa sociedade. Póñanseme a traballar, señores. Pero de verdade. E infórmennos. Como colectivo, como país, debemos saber o que realmente ocorre. Tamén é certo que nos falta vontade de coñecemento. Esixamos outra maneira de traballar polo país. Esixamos saber que é o que realmente acontece. Esixamos opcións para enderezar o rumbo. E esixámonos a nós mesmos un pouco de espírito crítico. Falta moita vontade, aos que dirixen e aos que nos deixamos ir. Quizais deberamos cambiar nós antes.