Fáltanme palabras

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

28 mar 2015 . Actualizado a las 13:00 h.

Cando ocorre unha desgraza aérea, non podo evitar pensar nos meus tíos avós, Jesús e Lola. Nos tempos da emigración intercontinental, aló se lles foi unha filla a Venezuela. Cando os fixo avós, prometeu levarlles os netos. Era unha necesidade satisfacer o desexo, por iso colleu un avión con eles e a sogra o 13 de agosto, vésperas da festa grande da vila. Era unha sorpresa coa que levaban tempo soñando. Estupenda ocasión para xuntar á familia! O avión estrelouse en Montrove, a 2 quilómetros do destino, e o irmán da miña avoa o máis que puido foi identificar os corpos.

Xéaseme a alma cada vez que o penso. Pero nunca sentín sensación de asfixia coma onte ao descubrir que a traxedia aérea que acabamos de vivir nos Alpes puido evitarse.

Coa palabra traxedia quedo curta. Fáltanme os apelativos. Como describir semellante acción e actitude? Non teño palabras. De onde saca alguén tal cantidade de frialdade para pecharse na cabina e provocar un feito atroz coma este? Quen é capaz de amosarse impasible ás preguntas desde o control, calar, e respirar tranquilamente?

Que tipo de mente (demente) pode construír un mal dese calibre, conscientemente? Impediu o acceso ao piloto e activou o botón da morte e desgraza aseguradas. Nin sequera ao escoitar os berros dos pasaxeiros e da tripulación se lle activou a alarma da cordura. Quizais tamén el é vítima por perder o xuízo.

O tío Jesús (case cen anos) aínda camiña ergueito despois dun pau na vida coma aquel. Difícil crer que se poida sobrevivir a esa dor.