A extrema dereita á espreita

OPINIÓN

30 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten moito contido a advertencia, ben evidente, que fai Alexis Tsipras en canto á ameaza das «forzas populistas de extrema dereita», en Europa, incluíndo o Fronte Nacional en Francia, que, como é sabido, chegou a encabezar as sondaxes para as eleccións departamentais.

Nunha entrevista da que informa Liberation, do día 14, antes dun encontro co primeiro secretario do PCF, Tsipras di que cómpre «elixir entre o respecto á democracia e o risco do aumento das forzas populistas de extrema dereita en Europa», sen dúbida aludindo ás escasas maneiras democráticas das autoridades europeas, en xeral, e das alemás en particular, pois unhas e outras demostraron pouca sensibilidade polos procedementos e contidos democráticos que os gregos confiaron masivamente aos seus representantes.

Por iso o Goberno de Tsipras advertiu aos seus socios europeos de que a política de austeridade fiscal que se vén executando na UE, ademais de ter fracasado en todas partes, só pode dar alento aos euroescépticos e axudar ao progresivo avance da extrema dereita. Negar esta evidencia sería como negarse a ver a realidade que temos máis preto.

O Goberno alemán e os seus acólitos na UE, que senten terror só de pensar que se poden cuestionar a súas erradas políticas, foron, e serán, os grandes inimigos das posibilidades -das outras alternativas que sabemos que hai- que Grecia foi abrindo, e vai seguir abrindo, para un cambio radical de política en Europa.

Porque todo indica que comezan a temer polo seu fracaso -e xa non é pouco que alguén, dentro da UE, se revire contra tan petulante dogmatismo- , que hai alternativas, e mellores, e que a submisión nunca foi unha virtude e si case sempre fonte de conflitos ata a recuperación da dignidade. Irémolo vendo.