A mirada política da cidade

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

30 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Filosofía, política e cidade están entrelazadas dende o mundo clásico. A cidade como resposta á impotencia de cada un de nós para bastarse a si mesmo, tal como dicía Platón, segue vixente. Non así as formas de goberno, que hoxe resultan inconcibibles.

A incorporación de filósofos e escritores á política actual paréceme interesante. A cidade, máis ca nunca, necesita ser pensada cun fío condutor sobre todo cultural que constitúa a arquitectura do quefacer urbano, que aproxime as persoas e permita a lexibilidade do proxecto. Non deberíamos deixarnos levar criticamente polas novas tecnoloxías ou polos estudos académicos monotemáticos, polas ocorrencias descontextualizadas, polas palabras máxicas que queren resolvelo todo ou pola hiperregulación de todas as cousas, que, en última instancia, impiden que teñamos unha mirada reflexiva e autónoma.

Pensar a cidade consiste en desenvolver un relato transversal entre os factores que concorren, xa sexa demografía ou sustentabilidade, economía ou patrimonio, na procura do equilibrio e a racionalidade das políticas a aplicar. Pensar en torno á cidade é partir da complexidade dos intereses do individuo e das persoas que a habitan, das administracións que interveñen, do uso do espazo público, das sístoles e diástoles entre o centro e a periferia, da práctica urbanística como cultura e economía para que non quede reducida a unha cuestión inmobiliaria.

Esa é a mirada política: transversalidade dos discursos, xestión da complexidade e concertación entre os partidos. Non é un simple xogo de goberno-oposición. Nun concello hai aspectos constitucionais nos que é obrigado o acordo: as liñas xerais do planeamento para que non cambie ao albur de cada Goberno, a superación da exclusión, da que se ve na rúa e da oculta, tan grave ou máis, con nomes e apelidos, as relacións institucionais, as grandes infraestruturas... E dos máis importantes, construír Galicia dende a colaboración entre o noso sistema urbano. A Xunta non pode ser allea a ese desafío; máis ben ao contrario, ten que tomar a iniciativa.

A cidade é, en primeiro lugar, para os seus habitantes. Nos anos oitenta o relato era máis dirixista, máis institucional. Non había tempo, estabamos exhaustos despois da travesía do deserto da ditadura. Hoxe necesítase outra narración, pero a súa confección e xestión vai ser de abaixo arriba e de arriba abaixo, no dobre sentido, coa participación como proceso. Participar implica ter interese e dedicarlle tempo, é saber compendiar a partir de documentos rigorosos e concisos, e ser capaz de entusiasmar. Sen implicación veciñal é imposible mediar, gobernar, crear, educarnos.

O mundo dixital aventura unha cultura líquida que, de entrada, non parece requirir un fío condutor, é sinxelamente wifi, inalámbrica, apoiada nunha participación masiva, non presencial e, en boa medida, anónima, pero tamén creativa, impulsiva. Concertar esta cultura de hoxe coa cultura do relato mediante unha política renovada, ese é o desafío das cidades.