Xornalismo de entremés

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

31 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa pasou con Fukushima e a Primavera Árabe. O xornalismo adoita crer que lle pode impor o seu concepto de actualidade aos desastres e ás revolucións coma se fosen xefes de comunicación dun partido político. Pero acontece que as traxedias, como tan ben demostrou Esquilo, manteñen esa característica inmorredoira de ir por libre, e a manía tan antixornalística de manexar os tempos como lles peta para que sexamos conscientes de que as persoas somos minúsculas diante do Destino.

O que pasa é que o xornalismo se manexa mal ante o fatum e converte todo en entremés, poñendo o foco nas medias tintas parvas e diminutas. Cando a Revolución en Exipto houbo emisoras que mantiveron alí preto dun mes programas especiais para contar, en fin, unha retaíla de tiros e cartaces que corrían o perigo de eternizarse na antesala da Historia. Co de Fukushima, a atención a cada grao centígrado que subía a temperatura do reactor chegou a provocar o desexo de que estourase dunha vez. E agora, ante este malfadado accidente con tantos que xa morreron porque o avión xa se esnafrou, moito se apuraron a confundir a noticia coa espera sen obxecto, tan propia do absurdo se se contase ben. Pero non é o caso.

Entrementres, a xente sobreactúa a dor, coma nos vodevís, para ocultar o morbo. Porque parece que agora queda mal afirmar aquela sabedoría brusca pero indiscutible: tíñana alí. E acto seguido pasar á actualidade porque a vida segue, mentres os que viven cada unha das 150 traxedias a escriben á súa maneira particularmente universal, sen precisaren fotografías nin entremetidos.