Adolfo Suárez recibe a Felipe González

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

Siro

18 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente Adolfo Suárez necesitaba explicar á oposición de esquerda o seu proxecto de reforma política e conseguir que o apoiasen. Aos dirixentes do PCE debería chegar a través de intermediarios, pero aos dos partidos socialistas quixo explicárllelo persoalmente. Tivo unha primeira entrevista con Gómez Llorente, ideólogo do PSOE, que resultou oportuna e positiva; e despois viuse con Raúl Morodo, número dous do PSP de Tierno Galván, dúas veces con Felipe González, e finalmente con Tierno.

Os encontros con Felipe González, os días 10 de agosto e 2 de setembro nas aforas de Madrid e na casa de Abril Martorell, deixárono satisfeito e comentoulle a Alfonso Osorio que Felipe González era un home intelixente, un verdadeiro patriota e un político pragmático, que estaba a favor de conseguir urxentemente a democracia, sen preocuparlle demasiado se o cambio se facía pola vía da reforma ou a da ruptura. Esixía un novo marco xurídico para a legalización dos partidos, porque non estaba disposto a que o PSOE «pasase por ventanilla»; e que nas eleccións se aplicase o sistema proporcional puro. Como demócrata estaba pola legalización do Partido Comunista, pero ese non sería un punto de desencontro co Goberno.