Refuxiados? Non, grazas!

OPINIÓN

28 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Ante a crise de refuxiados desatada no Mediterráneo, a UE ten elaborado unha resposta humanitaria cicatera -pensemos que só na crise de Siria hai centos de miles de refuxiados- que propón acoller uns 40.000 persoas en dous anos, dos que lle tocarían a España uns 4.288.

Pese a minúscula cifra adxudicada a España, Margallo, ministro de Asuntos Exteriores, é reticente, escudándose na taxa de paro española. Algo que máis alá de afundir a estratexia electoral do goberno de Rajoy, que nun recente mitin fachendeaba: «¿Quién habla hoy del paro?», reflexa unha profunda insolidariedade do titular dun ministerio denominado «de Asuntos Exteriores e Cooperación».

Os ministros de Exteriores soen ter un plus de aceptación popular, asumindo un papel discreto nas disputas internas dos países. Non é o caso de Margallo, que ten intervido en repetidas ocasións na polémica soberanista de Cataluña, e que ten deixado noutros asuntos varias perlas para a Historia. Así, no 2012 xustificou os recortes drásticos en cooperación internacional para evitar «cerrar ambulatorios»; ou cando cualificou de «magnífica noticia» a desimputación temporal de Cristina de Borbón no caso Urdangarin porque era «una infanta de España», hermético alegato do monárquico Margallo tal vez pouco comprendido pola masa plebeia española.

Recentemente, ten merecido críticas de Francisco Rey, codirector do Instituto de Estudios sobre Conflictos y Acción Humanitaria (IECAH), que no artigo «Nepal: ¿todo vale?», censuraba con dureza a sobreactuación do ministro, e o envío, nove días despois do terremoto, dun ostentoso dispositivo de 46 membros da Unidade Militar de Emerxencias (UME), cun avión e varias toneladas de equipamento, cans adestrados? todo para tentar rescatar aos españois desaparecidos, tarefa imposible dado o tipo de traxedia, o que se confirmou co regreso baldío do destacamento.

Acoller refuxiados, que foxen de guerras e persecucións, é unha tarefa que debe ser realizada con nobreza. España destaca polo contrario: é o país da UE que máis peticións rexeita, das xa escasas peticións que recibe.

Son moitos 4.288 refuxiados para un país de case 47 millóns de habitantes? Onde está a «tradicional amizade hispano-árabe»? Onde a responsabilidade do noso país como membro non permanente do Consello de Seguridade desde o 1 de xaneiro?

Preguntas que merecerían unha resposta xenerosa.