Responsabilidade política

OPINIÓN

03 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Se arrincamos de que a responsabilidade política provén dunha relación de confianza entre representantes e representados, semella natural que no suposto de quebra desa relación de confianza, a representación cese ?ou deba cesar. Algo que pode parecer moi sinxelo é dunha sorprendente complexidade.

Ademais, quen foi merecente desa confianza debe responder en todo momento, o que quere dicir que ten o deber de render contas sobre o uso que veña facendo desa confianza ?a accountability inglesa?. Como ben sinala Bastien François (o autor de Le régime politique de la V République), a responsabilidade política mide o estado dunha relación de confianza que é independente de toda falta e de toda culpabilidade.

A tradución institucional deste principio, di o mesmo autor, nunca foi sinxela. Non se procura establecer a responsabilidade pola negativa, por medio de sancións, senón de organizar positivamente a responsabilidade en termos dos comportamentos que se esperan dos gobernantes.

Non se trata da revogación do mandato por cumprimento do prazo, senón de que se poida chegar a ela, ou a algunha outra medida convincente e práctica, en calquera momento en que a relación de confianza desapareza. Os supostos de deslealdade co prometido serían os máis habituais.

É manifesta a dificultade de arbitrar medios para que os electores poidan revogar o mandato conferido aos elixidos antes do cumprimento do prazo. Que non existan non quere dicir que non haxa que arbitralos. Pode que a futura democracia poida anovarse se sabemos poñer en mans dos electores medidas prácticas para revogar en calquera momento os poderes que orixinaron esa relación de confianza no caso de que esta deveza ou desapareza. Penso que non tardaremos en velo.