«Tempora tyranni fugiunt»

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

03 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Que alegría ver que, neste país no que os Martínez-Bordiú campan polas páxinas máis granadas do papel cuché, os mozos non lle poñen cara a Francisco Franco. O tempo, en fin, vai ao seu, e Carmen Martínez-Bordiú, a díscola neta do Xeneralísimo, xa ten netos en idade de merecer. Por sorte, como a historia recente non acada o tataravoísmo, Franco entrou no clan da decoración téxtil. Non o Franco decrépito con pinta de tataravó, senón ese Franco novo e impetuoso, capaz de comer o mundo; ese do bigote fascista e a gorra con borliña que finalmente papou 40 anos da historia de España coma se fosen un Calippo de limón. Tan pasada é esa imaxe do tirano que xa fai parte do escorregadizo terreo da ficción. Para moitos non é máis ca un look, como diría Carmen Martínez-Bordiú, sport pero con estilo.

Foi un xogador portugués de poucas luces quen apareceu coa devandita camiseta co careto do ditador. Dixo que non sabía nada da historia de España, nin falla que lle fai para xogar no Jaén F.?C. E sobre todo, dixo que lle gustara a foto. Así que si: tempus fugit, e pasou o que non pasaba nin nos nosos mellores soños: esquecemos a faciana do ditador e con ela, seguramente, o seu noxento legado. Non imaxino final máis merecido para quen pretendeu unha gloriosa posteridade. Coma Snoopy, a Franco xa só lle queda decorar camisetas de mozos ignorantes e encherse de musgo alí onde, pouco a pouco, as súas estatuas van entrando no nebuloso espazo dos próceres descoñecidos.