Recursos fronte a valores

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

27 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Este diario publicou hai uns días un resume do interesante estudo Recursos escolares y resultados de la educación, elaborado por dous investigadores da Universidade de Barcelona e do Instituto de Estudios Bursátiles e patrocinado polas fundacións Sociedad y Educación e Ramón Areces. É unha achega máis ao xeneralizado interese pola mellora cualitativa da educación, iniciado a finais do pasado século. A maior parte das súas conclusións coinciden coas dos moitos traballos precedentes, e deixan claro unha vez máis que cando o sistema educativo está suficientemente dotado de recursos, o incremento dos mesmos non supón unha mellora nos resultados académicos dos alumnos.

Xa no 2005 a OCDE afirmaba que a relación entre gasto educativo e calidade do ensino non existe, ou polo menos as súas dinámicas causa-efecto son moi difusas e dependen de diversos factores difíciles de avaliar. Os resultados favorables do aumento de recursos percíbense máis nos centros que contan cunha alta porcentaxe de alumnos desfavorecidos social, cultural ou economicamente. Destaca en especial a forte incidencia positiva dunha boa educación infantil e de accións educativas temperás que eviten o fracaso académico acumulativo. Este foi un dos principais erros dos programas de educación compensatoria, que se centraron máis no aumento indiscriminado de recursos materiais e humanos que na prevención das verdadeiras causas que orixinan o fracaso e abandono escolares.

Conclúe tamén o referido traballo que o investimento en novas tecnoloxías non é relevante se non vai acompañado dun cambio nas metodoloxías de ensino-aprendizaxe. Isto debería servir aos Gobernos para dar prioridade á formación inicial e continua do profesorado sobre a dotación de equipos e creación de programas informáticos. Empeza a haber estudos que avisan de que a introdución das TIC no ensino, tal e como se está a levar a cabo, non só non supón unha mellora no rendemento do alumno, senón que pode ser negativa. Prodúcese ademais unha dicotomía entre o fomento da competencia dixital e as capacidades que realmente se esixen para o éxito académico ou mesmo para a inserción laboral.

A conclusión esencial deste tipo de estudos é que o principal problema da educación no noso país non son os cartos, como se quere facer ver constantemente. Cos que hai, ben aproveitados, é suficiente. Pero faltan investigacións que demostren algo do que estou plenamente convencido: o verdadeiro problema é a falta de valores imprescindibles para o éxito académico: responsabilidade, esforzo, autoridade ou tolerancia ás frustracións, por seleccionar só catro. E o lugar prioritario onde se teñen que conseguir estes é na familia, que ha cambiar segundo o faga a sociedade. O que non sabemos é canto falta.