En setembro

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

03 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Os meses, como os seres humanos, teñen recendo e sabor. Xuño sabe a cereixa e xullo a trigo. Agosto a terraza de bar con caña incorporada. O inverno, ás veces, só sabe a xeo (dese que queima as entrañas). E setembro sabe a uva. A reencontro. Todo setembro é un regreso. O ano, en realidade, comeza con este mes de cores vivísimas, probablemente as máis fermosas e brillantes. As vides, os montes, a cor da herba de verde dispar. En setembro un toma alimento no horizonte, como se o sol laranxa quixese escribir un poema sobre a pel cansa do verán pretérito. Pero setembro é tamén verán. Pero un verán diferente, de morriña, dicimos os galegos. En setembro encontrarás máis sol que en calquera primavera. Descrerás de todas as depresións e tristezas. En setembro alumeará o día con fachos de cristal e diamante. A lúa será máis lúa e os astros, como ollos namorados, só quererán mirarte a ti. En setembro arderá o adentro cunha calor nunca antes coñecida. Olvidarás os malos presaxios e activarás o adentro para ser feliz. Porque a felicidade pega ben con setembro. Son parella perfecta. Teñen as súas discusións e descalabros, pero no fondo ámanse de modo imparable e arrebatado. En setembro saberás que a risa cura máis que todas as pílulas, que pasarán os días malos, que aliviarás a enfermidade do rancor e da ira. En setembro nacerán sonatas nos camiños e as fadas, meigas e trasnos correrán ao teu carón para que rías, só para que rías. Setembro será da cor que ti o pintes. Intenta non claudicar. Mantén en pé o bucle da ilusión. Unha tras outra. En setembro nacerán flores de abril. Unha premonición. Un capricho do que debes gozar. Setembro, xa o sabes, é un regreso: á alegría, sen máis.