¿Ata cando?

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

10 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Quousque tandem abutere, Catilina, patientia nostra. ¿Ata cando, Catilina, abusarás da nosa paciencia? Con esas palabras, Cicerón denunciou ante o Senado romano a conxuración de Catilina, que pretendía facerse co poder absoluto. Substitúan o nome de Catilina polo de Mas, e a cousa queda de total actualidade. Aquí faltounos un Cicerón que denunciase a tempo o intento de secesión, e agora tócanos aguantar, ¿ata cando?, as interminables análises do que se deu en chamar «o problema catalán». A todo dáselle mil voltas. Os resultados das eleccións autonómicas catalás, as declaracións de todos e cada un dos representantes dos partidos políticos son esmigallados e analizados en faladoiros, informativos e artigos de opinión. E antes, durante meses, debates sobre si era ou non legal a consulta, e sobre si hai que dialogar ou non... Entre todos, e me inclúo, creamos «o problema». Está comprobado que o exceso de información sobre incendios intencionados incrementa o número de pirómanos, de igual modo que a atención mediática ao maltratador anima a outros maltratadores a ter os seus quince minutos de fama. Os separatistas cataláns téñense vangloriado de que Obama, Hollande, Cameron ou Merkel falen deles, sen importarlles que sexa para condenar a súa postura. ¡Mágoa que non tivésemos un Cicerón que a tempo levantase a súa voz acusadora e chamase ás cousas polo seu nome: secesión e non problema!