Santa Evita

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

25 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Arxentina é a república dos prodixios, desde a Quebrada de Humahuaca aos glaciares da Patagonia. Nada tan diverso coma ese país e as súas xentes. Malia os masacres da colonización española, e os das «estas civilizadoras» do século XIX, as caras dos arxentinos falan de moitas tribos orixinarias, unhas agrícolas, outras cazadoras. Despois veu o aluvión: gallegos, tanos, ingleses, rusos, turcos... Uns eran cristiáns, outros xudeus, outros (poucos) musulmáns. Todos foron cabendo á sombra da soleada bandeira branca e azul. Entre eles, das lendas indíxenas xurdiron santos ao xeito da Defunta Correa, San Lamuerte, o Gauchito Gil ou Namuncurá. Mais sobre eles viría reinar unha santa por vía política: Evita. Representada en alba figura, case coma a Nosa Señora de Luján, vén sendo a padroeira dos necesitados, esposa do maior demagogo que as Américas deran: san Perón («¡Queremos san Perón!», berraban os dos bombos).

Hoxe, cando se albisca viraxe política na república presidencialista, cando parece que vaia acabar o subsidio para todo, cando pode haber menos bombo protestón e máis pan para quen o súe, ao tano Macri -como no seu intre ao turco Ménem- cómprelle lembrar que unha santa coma Evita ha medrar no imaxinario popular, ha ter máis culto, máis altares villeros: velaí o perigo.