Comedores escolares

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

04 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A principal razón do nacemento dos comedores escolares, nas décadas dos sesenta e setenta do próximo pasado século, foi a creación dos colexios de ámbito comarcal. Cando os alumnos non eran transportados a mediodía ás súas casas, había que darlles de comer no propio centro, pois as clases continuaban pola tarde. Daquela os comedores estaban xestionados integramente pola Administración educativa, con alta participación dos docentes. Pero este servizo que nacía, polo tanto, para apoiar a escolarización, asumiu tamén axiña un marcado carácter educativo. Non se trataba tanto de darlles de comer aos nenos como de ensinarlles a comportarse ben na mesa e a alimentarse correctamente, nunha Galicia con grandes carencias neste senso.

Ao longo de ben anos os comedores escolares, en especial no ámbito rural, levaron a cabo un gran labor de educación nutricional. Os alumnos acostumáronse a comer habitualmente legumes, verduras ou froitas, mitigando o exceso de carne ou graxas dos seus fogares. O labor dos mestres era esencial, pois participaban no deseño e na supervisión da elaboración dos menús, así como no control deste servizo. Axudaban aos nenos a comer, conseguindo con paciencia que tragasen aqueles alimentos tan rexeitados como esenciais: lentellas, acelgas, peixes... Mesmo chegouse a contar co inestimable asesoramento do Departamento de pediatría da Universidade de Santiago.

A sociedade cambiou moito desde entón e tamén, como consecuencia, o servizo de comedor escolar. Pouco a pouco vanse facendo cargo deste empresas privadas e cada vez hai menos docentes implicados. A prioridade está agora na conciliación da vida laboral e familiar e aínda que a maior parte dos centros educativos teñen sesión única de mañá, os pais non poden xantar cos fillos. Demandan para eles unha comida rápida, fóra da casa, co fin de que poidan asistir pola tarde a diversas actividades.

Mellorou moito a dispoñibilidade e variedade de alimentos. Sen embargo hai abuso dos manufacturados, dos de orixe animal ou dos carbohidratos. Os rapaces comen o que queren, o cal, sumado á falta de exercicio físico, provoca que un de cada dous teña exceso de peso ou que aumenten enfermidades como a obesidade ou a diabete tipo 2. Unha alimentación incompleta, con carencia de nutrientes fundamentais e exceso de secundarios, é especialmente perxudicial para a infancia.

Segue sendo moi importante, xa que logo, que os alumnos adquiran hábitos de vida saudable e que polo menos unha das comidas principais do día sexa adecuada ás súas necesidades alimentarias. E para conseguilo hai que mellorar o sistema de adxudicación dos comedores e a calidade do produto. Pero tamén, e sobre todo, que este servizo recupere o seu carácter educativo e que os coñecementos teóricos da materia transversal de Educación para a saúde sexan levados á práctica.