As dúas almas de Podemos, reflexo de Galicia

Carmen Santos Queiruga TRIBUNA

OPINIÓN

09 feb 2016 . Actualizado a las 14:31 h.

Nas últimas semanas, en Podemos estamos inmersos nun debate interno sobre o camiño a seguir de cara á creación dunha alternativa de cambio en Galicia. Este choque na construción do partido xorde de non ter debatido a nosa natureza con anterioridade, pero creo que é moi enriquecedor porque reflicte a dualidade da nosa terra. Hai unha Galicia que conecta co galeguismo dun xeito natural, principalmente a menos urbana -algo que soubo aproveitar ben esa facción do PP denominada «os da boina», en contraposición á corrente españolista que representa Feijoo: «os do birrete»-. E logo está a Galicia das cidades, que quizais non conecta tanto con este sentimento cultural e identitario arraigado nas parroquias, o lugar de onde eu procedo.

É obvio que Pablo Iglesias observou no 2012 esta dualidade e comprendeu, traballando ao pé de Xosé Manuel Beiras, que os galegos temos o corazón dividido entre votar unha opción estatal, sensible á nosa idiosincrasia e aos nosos problemas, e votar opcións puramente nacionalistas. Pero eses dous sentimentos non teñen por qué estar confrontados. Si, hai unha parte de nós que se sente moito máis galega que española, pero non rexeitamos España; queremos pertencer a ela, sempre e cando iso non signifique que o Goberno de Madrid nos ignore ou infravalore, como vén acontecendo sempre.

Eu aposto pola fórmula En Marea, referendada por 400.000 galegos nas eleccións xerais, porque amosa as dúas almas e as dúas sensibilidades que residen en min e no pobo galego, e que Pablo e Beiras foron quen de ver hai tempo. Eles fixeron unha aposta política con xenerosidade. E ese é o camiño a seguir. Equivócase quen pensa que isto vai só de sumar votos. Póñenseme os pelos de punta cando oio falar de «sobrerrepresentacións» e de quen ten máis peso, sexa quen sexa.

O que nos trouxo aquí foron outras cousas. E do que se ten que preocupar cada partido é de aportar a xente máis válida, honesta, profesional e preparada á nova candidatura, abríndose de verdade á sociedade civil. A xente reclama sentirse identificada cos novos políticos e sentir que somos coma eles, o fin da corrupción estrutural nas institucións e ver solucións reais aos seus problemas. Reclaman vivir dignamente. Así de simple. Así que a reflexión que debemos facer cada unha das persoas implicadas nesta nova andaina de cara ás eleccións galegas é se o que nos move é facer carreira política, defender cotas para os nosos ou transformar a nosa terra para aqueles que soñamos unha nova Galicia dende hai décadas.

Eu teño clara a miña aposta. E confío en que os métodos democráticos van propiciar e garantir que a Marea Autonómica sexa un proxecto xusto e que todos sintamos como propio, dende Vigo á Coruña, pasando por cada aldea.