Non é tempo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

12 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é tempo de blindar aos cargos políticos facéndoos aforados. Non é tempo de destituír aos dirixentes coma se isto fose unha ditadura. Non é tempo de designar a exministros para altos cargos en grandes empresas.

Non é tempo, señores. Nunca o foi. E seica non se vai pasar nin unha máis. Pero agora mesmo é menos tempo diso ca nunca.

É tempo de negociar. Negociar, que significa exactamente: discutir as condicións nas que se ha realizar un asunto, sendo aquí o asunto gobernar un país. Facer política. Para nós, os cidadáns, que casualmente, somo os que estamos a pagarlle o soldo aos políticos. E para que? Para que gobernen, negocien, traballen.

Non nos envíen a novas eleccións. Chegar a entendemento é traballo seu. O meu era ir votar e xa o fixen. Non vaian pensar que o tomei á lixeira e que non meditei. Non! Eu traballei. Negociei coa miña conciencia, decidín e votei.

É a súa quenda, señores. O pobo impuxo negociar. Estamos cansos do de sempre, de que as cousas se fixeran como ata onte. Que non llo puxemos doado para formar Goberno? Pode ser, non o discuto. Pero vostedes tampouco nos debuxaron un camiño de rosas sen espiñas para avanzar día a día entre a crise, o paro, a corrupción, as inxustizas... Quizais tampouco sexa tempo para laiarse. Había que queixarse nas urnas. E cada un fíxoo ao seu xeito, segundo pensaba ou sentía, votando coa cabeza, co corazón ou coas tripas, desde as entrañas.

Agora negocien. Tamén con cabeza, corazón e entrañas. Foi o que lles encomendamos.