Risco e responsabilidade

Pedro Puy
Pedro Puy TRIBUNA

OPINIÓN

17 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Imaxínese que vai vostede a un casino. Leva vostede cartos no peto, os seus propios cartos, e decide xogar. Posiblemente perda, e ao mellor gaña. Pero pode facerse unha idea de cantos cartos estaría vostede disposto a arriscar. Imaxínese agora que se atopa de novo no casino, pero que os cartos que leva no peto non son seus, senón dun grupo amplo de xente descoñecida que non poderá pedirlle contas polas súas decisións na casa de xogo. Neste caso tamén pode perder ou gañar, pero seguramente non xogue igual. Con moita seguridade, de ser vostede como somos a maioría das persoas, decatarase de que o seu comportamento en cada unha das circunstancias anteriores non será o mesmo, porque é consciente de que non é igual asumir directamente os resultados dos seus propios actos que non ter que carrexar coas consecuencias do seu proceder.

En economía, cando se presentan este tipo de situacións, fálase da existencia dun «risco moral»; expresión que alude ao feito de que as persoas asumen máis riscos dos que aceptarían cando os custos das súas accións non recaen neles, senón noutras persoas. A existencia do risco moral é ben coñecida nas ciencias sociais: os primeiros aseguradores, ao pouco de saír da Idade Media, xa se decataron de que a probabilidade de que se producise un feito incrementábase cando se subscribía un seguro que compensaba polos danos que ese feito orixinaba. E pese a coñecerse desde hai moito, a existencia do risco moral segue a xerar hoxe verdadeiras desfeitas: Na súa orixe, a actual crise xurdiu cando unhas entidades que contrataban préstamos subprime ou de moi incerto cobro, e dado que había entidades e fondos de investimento que estaban dispostos a adquirilos, vendéronnos; e como ademais vendíanse ben, continuaron a contratar máis e máis hipotecas subprime que vendían polo mundo adiante, sabedores de que os impagos asumiríannos outros, e non eles, que eran os que as contrataban.

O risco moral tamén está presente no debate que estamos a ter estes días sobre o cumprimento dos obxectivos de déficit polas Administracións públicas españolas. O incumprimento do déficit (que foi do -5 % do produto interior bruto; en vez do -4,2 % comprometido) débese ao desvío dun 0,7 % do PIB nas contas da Seguridade Social (pola aínda feble recuperación das cotizacións e o incremento dos pensionistas) e, sobre todo, polo déficit da maioría das comunidades autónomas, que chegou ata o 1 % do PIB. Só o mellor comportamento da Administración central, do conxunto das entidades locais e das tres comunidades autónomas cumpridoras (Galicia, País Vasco e Canarias) evitaron que o desastre fose maior. O problema é que os xestores das Administracións cumpridoras teñen que asumir responsablemente os custos políticos e electorais de moitas das decisións que permiten cumprir o obxectivo de déficit; mentres os do Estado non actúan, para non asumir os custos de garantir o cumprimento do déficit por todos; e os dirixentes doutras Administracións autonómicas seguen a amosar unha inmensa falla de responsabilidade ao respecto. Como os dirixentes independentistas da comunidade máis alonxada do obxectivo de déficit, Cataluña (-2,70 %), ao manifestar este mesmo venres que é a Administración central a que lles debe dicir como conter o gasto, renunciando mesmo a autonomía do gasto da que gozan. Fachandean das decisións de gasto que reportan popularidade, pero eluden a responsabilidade da súa contención e os custos derívanse cara a outros. Neste entorno, que menos que aceptar, como solicita a Xunta, un trato máis favorable a quen cumpriu responsablemente.

Porque, mesmo deixando á marxe as opinións que a cada un lle mereza o proceso de consolidación fiscal que a Unión Europea lle esixe a España para que podamos contar coa axuda comunitaria para saír da crise (fundamentalmente a través do financiamento facilitado polo Banco Central Europeo), o feito de que España incumpra os obxectivos de redución de déficit pactados coa UE pode rematar volvéndonos a situar ás portas da intervención; ou o que é o mesmo, dos recortes de verdade. Algo así como se no casino saltase a banca. Pero a banca que ten todos os nosos cartos.