¡46,2!

Manuel Blanco Desar
Manuel Blanco Desar SÍNDROME G

OPINIÓN

28 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O pobo galego padece un peculiar TDAH. Sucédelle a case todas as sociedades occidentais desenvolvidas. Non se centran. Demasiado ruído documental. Demasiada info-xicación. Hiperactividade. Bule-bule ás voltas. Ata aí todo normal. Estatisticamente normal. Pero o noso TDAH é tan severo que deberiamos chamalo doutro xeito. Severo porque nos conduce ao colapso como pobo con identidade. O síntoma é este 46,2.

46,2 procede de tres décadas sen sementar. A ecuación é coñecida: g+g=g. Oscilando entre 0,9 e 1,1 fillos por parella remátase nisto. E que é isto? Pois a verdade incómoda que certifica o IGE. Hai un elefante na habitación. Cómpre non miralo. Veña índices para distraer: PIB, POB, PUB? E, claro, botémoslle a culpa aos políticos. Ai, os políticos, se non os houbera teriamos que inventalos. Todo por non mirarnos no espello, por non ver este corpo social que murcha por mor de todos. Os políticos non prohiben nin obrigan aos que teñen saúde, parella e rendas por riba da media a seren máis fecundos para tentar compensar os fillos que non poden ter os doentes e os precarios ou desempregados. Como alternativa máis cómoda e eficiente para os saudables con parella e boas rendas abondaría con adoptar tres ou catro cativos, mesmo xa algo criadiños, que os pequechos sonche unha dor.

Coa crise xa temos escusa. Mágoa que antes da crise acontecera o mesmo. Así que poñamos o foco na emigración. Todos saen e ninguén regresa? Emigración vía Ryanair, co WhatsApp a diario e cun título. Non che son xa as fotos dos peiraos de Vigo e da Coruña. E os residentes, que escusa terán? A taxa de fecundidade mide aos residentes ou aos seica emigrados? Mesmo os que marchan poden volver e contribuír a Galicia dende fóra. O peor son os que nunca naceron para coller a testemuña. Só fica o seu baleiro. Calquera irlandés habería ver que Galicia avellenta máis polos que deixan de nacer ata acadar a súa fecundidade que polos que marchan. Irlanda, campioa da fecundidade europea, a pesares da Troika e da súa consecuente emigración. Precisamos resultados irlandeses. Sen resultados o feito pouco vale.

46,2. Esta é a nosa añosa media de idade no 2015. Europa oscila entre os 36 de Irlanda e os 45,6 de Alemaña. Seica tamén emigran os alemáns? Seica non emigran os irlandeses? O elefante sigue na habitación. Falemos doutra cousa. Resulta incómodo para os que poden contribuír a rexuvenecer Galicia pero non queren, mentres outros queren e non poden. Falemos doutra cousa. Ai, si. Dos curmáns asturianos. Eles van peor. Pero falemos doutra cousa. Hai tantas cousas tan importantes, mesmo máis cá supervivencia do noso pobo. Maldito elefante. Xa fede. Peor federá cando nuns anos alguén pregunte, e ti que fixeches? Canda menos buscar novas terapias e outros camiños de salvación: pensar en Galicia e actuar tamén no local. Velaí http://ordenanzadeimpulsodemograficolocal.blogspot.com.es/ ou http://www.leideimpulsodemograficodegalicia.blogspot.com.es/. Mentres hai vida?