Buen pecho

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

28 abr 2016 . Actualizado a las 16:15 h.

Onte, como cada mércores, tocábame sentar a escribir na contraportada. Levanteime co ánimo de redactar unha peza en torno a abril, que é un mes que promete máis do que ao final outorga. Falaría en cara A, coma sempre, porque para negrores abondan os que habitan este mundo político fracasado e burlón (nós somos os burlados): un bochorno en bucle, permanente e delirante. Quería demorarme entre as liñas raras do xoves, estas que escapan a ningunha parte para propagar tenrura. Non puiden. A páxina trece de La Voz, como un cravo, petou en medio dos meus dedos cando escoitaba as primeiras músicas do día: «Un pub de Sanxenxo buscaba una camarera con buen pecho y mínima experiencia», dicía o titular. Era a certificación da brutalidade: o machismo en carne viva. Non o soporto. Cando aparecen estes disparos en medio do periódico, sublévome. Contra todo. Porque ao noso redor viven estes seres repugnantes. Integrados e considerados socialmente. «Necesitamos camareras en Sanxenxo», dicía o anuncio. Guapa, simpática, trabajadora, don de gentes, buen pecho y mínima experiencia. Excelentes condicións. Buena remuneración, continuaba: 100 euros noche. Abominable. Insufrible pensar que o empresario que encarga este anuncio considera común e natural ofrecer un posto de traballo con eses condicionantes. É a realidade. Non muda. As mulleres seguen sendo mercancía para algúns seres perturbados (esa é a palabra). Mentres existan, a nosa será unha sociedade anómala e tarada. Un mundo obtuso e cerril, zopenco e canalla. Criamos as fillas para que o interior goberne: a intelixencia, a formación, a sensibilidade. É un modo de ser felices, pensamos. Pero só precisan «buen pecho». ¡Miserables!