Palabras, palabras, palabras

Pedro Puy
Pedro Puy TRIBUNA

OPINIÓN

22 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«É certo que o home se define pola palabra, que esta implica a posibilidade de mentir e que a mentira, moito máis que a risa, é o que caracteriza ao home». A cita é do filósofo da ciencia Alexandre Koyré (1892-1962), e procede do seu ensaio A función política da mentira moderna, un texto breve de 1943 (recentemente reeditado por Pasos Perdidos) escrito en Nova York, onde se exiliou tras fuxir da invasión nazi de Francia. Un texto que desenmascara a capacidade dos réximes totalitarios de construír realidades nas que o concepto verdade, lonxe de axustarse aos habituais criterios de obxectividade e universalidade, se define pola súa utilidade para servir a unha ideoloxía totalitaria, sexa esta a raza, a nación ou a clase social. Por iso, segundo Koyré, se algo caracteriza aos réximes totalitarios é que se fundan na primacía da mentira.

A diferenza do erro, a mentira implica a existencia dunha vontade explícita de expresar o contrario do que se sabe ou do que se pensa. E precisamente por iso, nos réximes totalitarios e nas ideoloxías sobre as que se constrúen, prefírese «o mito á ciencia; e a retórica que se dirixe ás paixóns, á demostración que se dirixe á intelixencia». Unha contraposición de actitudes políticas que, por rebaixar e aquilatar ao noso sistema democrático, correponderíanse ás posturas que outro filósofo, este anglosaxón e da política, Michael Oakeshott (1901-1990), definía como as propias da «política da fe», que confía en que a bondade natural dos humanos e a vontade política resolven todos os problemas desde o poder; e a «política do escepticismo» que, entendendo que a busca da perfección é unha actividade inesgotable, concibe máis humildemente á política e aos Gobernos como instrumentos para resolver en común, e a partir da comprensión de todos os puntos de vista, as contradicións e os conflitos de interese que inevitablemente se presentan en toda sociedade.

Deixando á marxe a candidez negociadora dalgún candidato frustrado á presidencia do Goberno (que ao pecharse en redondo á negociación cunha das dúas posibilidades que tiña, e que gañou ás eleccións, deulle todo o poder negociador á outra opción, Podemos, que inmediatamente o exerceu esixíndolle un prezo imposible de pagar); a convocatoria de eleccións tras a máis breve e frustrante lexislatura da nosa democracia semella ter moito menos que ver coa irrupción de novas forzas políticas incapaces de desprazar ás vellas, que coa irrupción nas novas forzas parlamentarias pero tamén nunha das vellas (na máis vella de todas as forzas políticas españolas) dunha forma de facer política baseada na fe (fe no cambio); e en boa medida, na mentira. Porque mentir é propor un pacto de goberno que inclúe unha reforma constitucional para a que non se teñen, nin de preto, apoios suficientes, sabéndoo. Ou soster que o problema catalán se resolve cunha imposible reforma federal da Constitución, sendo consciente de que non é iso o que demandan os independentistas; ou manter que a creación de emprego se potenciaría recuperando a normativa laboral coa que se produciu a maior destrución de emprego en menor lapso de tempo da nosa historia contemporánea, tendo os datos da evolución do paro na man.

E tal semella ser a disxuntiva electoral do vindeiro mes de xuño. A que se da entre os que practican unha política da fe, ou unha política do escepticismo; unha política baseada na mentira de que é posible facer cousas que non se van poder facer; ou unha política realista baseada no acordo e no pacto con quen non pensa exactamente o mesmo pero comparte os proxectos políticos básicos. Dependerá, en fin e parafraseando a Koyré, de que o electorado deste país, que segundo as seudo-élites universitarias que dirixen as forzas políticas da fe é un país dexenerado e corrompido, manteña unha maioría de homes e mulleres pensantes e escépticas, inmunes á propaganda das sereas mediáticas e dixitalizadas.