Noticia do resultado das primarias socialistas

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

31 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O PSdeG logrou facer unhas primarias con moi alta participación e o candidato que non gañou chamou inmediatamente a apoiar ao vencedor. Ambos os dous datos teñen importancia. O primeiro porque permite entrar de xeito claro aos partidos clásicos nas novas xeiras, neste caso coa celebración dunhas primarias que activaron á organización. O segundo porque reflicte un fair play imprescindible para que a democracia funcione nos partidos e fóra deles. Pero ademais, a celebración e a aceptación inmediata dos resultados dá por bo o traballo de dirección dunha xestora provisoria e de cote cuestionada.

O candidato que gañou, dun modo realista, recoñeceu na súa proposta o novo terreo de xogo da fin do bipartidismo. Un paso imprescindible para que o PSOE, sexa o segundo ou o terceiro partido máis votado, poida contribuír á mudanza política, dun xeito que non lle deu malos resultados en Valencia ou Aragón. Fernández Leiceaga pelexará, xaora, por encabezar a candidatura máis votada da actual oposición, pero amosou a decidida vontade de construír un Goberno plural nun futuro Parlamento galego no que pode haber cinco ou máis partidos representados. Para esa tarefa conta xa coa capacidade de negociación demostrada enfiando os apoios que veñen de darlle unha vitoria que se teceu máis nas vilas, no rural e as cidades do interior que nos feudos tradicionais daquel socialismo de cidade-estado que tanto campo deixaba ao PP.

A elección dos socialistas foi unha boa noticia para a construción dunha alternativa de goberno en Galicia e unha mala nova para o actual presidente, que nas semanas previas insistía na división socialista, á vez que tentaba escoller como contrincante a Méndez Romeu en cada oportunidade de debate parlamentario. A esa vontade de Feijoo de interferir nas primarias socialistas pódenselle atribuír intencións tan inequívocas como discutibles. Afeito como está a facerlle oposición á oposición, neste episodio descoidou as sutilezas e víronselle demasiado as intencións. De todos xeitos, o principal erro táctico do PP nestas primarias socialistas foi volver á carga cos luxos do bipartito de hai oito anos, porque iso, amais de cabrear aos socialistas, debeu amosarlle a máis dun a necesidade de optar por un candidato novo.

No fondo, estes erros o que fan é evidenciar o agudo desgaste dun Goberno do Partido Popular que leva tempo sen ideas nin recambios e que só confía en gañar provocando os erros nos seus contrincantes. Como interpretar senón a súa vontade de interferir nas primarias socialistas. Como entender a decisión de retrasar o máis posible as elección galegas, agardando que o tempo extra faga o traballo de desgastar ás Mareas. E mais parece atinar o PP favorecendo a demora na elección dun candidato das Mareas e con iso un proceso centrado nas disputas grupais e persoais. Canto antes se decidan os candidatos antes se falará de propostas e antes volverá a política e as políticas con letras maiúsculas, superando esta instalación na politiquería e na xestión cansina dunha Administración esquelética, asoada polos retallos.