«Televisiones Invicta»

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

19 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O señor Pita Leira, veciño da parroquia de Serantes, en cuxo cemiterio repousa o seu fillo máis ilustre, D. Gonzalo Torrente Ballester, era un home innovador para a súa época: adicábase a montar televisores no seu taller, que comercializaba co nome de Televisiones Invicta. O fillo dun dos seus clientes, o meu amigo Hipólito, a quen lle teño aconsellado que non deixe de escribir esta e outras das deliciosas anécdotas coas que de cando en vez nos obsequia, lembra o que o señor Pita Leira, empresario innovador, lle dicía aos seus coñecidos: «Compro as pezas a dúas pesetas e vendo os televisores a catro pesetas; e con ese dous por cento pois vou tirando...». A procura do éxito empresarial a base de coller pezas soltas e montar cousas novas non é exclusivo do mundo comercial. En política comeza a ser moi habitual, precisamente entre os máis novos empresarios da política. Por exemplo, un candidato de Unidos-Podemos-Mareas colle a palabra «fraternidade», de fondas raizames revolucionarias, e a inclúe nunha frase («estou convencido de que no caso de que haxa a posibilidade de formar ese goberno de cambio entre o PSOE e as forzas de confluencia fraterna...») para referirse a súa propia organización. Xusto o mesmo día no que outro membro destacado desa organización lle declara a Fernanda Tabarés en Vía V que o que recibiu doutra terceira lideresa desa mesma organización foi ingratitude e deslealdade; lideresa á quen o destacado líder xa lle preguntara anteriormente nun medio radiofónico por qué quería «sacarme do medio». Máis que apelar á fraternidade, a situación encaixa máis ben noutra frase orixinaria da mesma época histórica: a atribuída ao xirondino a piques de ser guillotinado: «É de temer que a revolución, como Saturno, rematará devorando aos seus propios fillos». Outra nobre causa que circula pola nosa civilización desde hai séculos é o da materialización da Xustiza. Unha Xustiza que, como dicía Montesquieu, «castigue os crimes e decida nas contendas entre particulares». Vella e fermosa arela, a da facer xustiza perseguindo o crime e a corrupción, que é collida por outro líder intelectual da nova política para construír unha frase salientable: «Nas nosas ringleiras van moitos xuíces porque están agardando a que o goberno lle dea a orde de deter a toda esa corda de corruptos...». Esquecendo, obviamente, que como dicía o propio Montesquieu (que ao final non era máis cun membro desa casta da nobreza privilexiada), «se o poder xudicial se atopa unido ao lexislativo, sería arbitraria a potestade sobre a vida e a liberdade dos cidadáns... Se se presenta unido ao poder executivo, o xuíz podería ter a forza dun tirano». Non chega xa con limitar ao cuarto poder, suxeitando a liberdade de prensa ao parecer do goberno; parece que, practicamente diluídas as barreiras entre o executivo e o lexislativo, fai falla cargarse tamén a independencia do poder xudicial. E así poderíamos seguir analizando máis pezas do discurso destes novos empresarios da política. Desde a defensa da exemplaridade das persoas que se adican a política, por quen á vez avalía a respectabilidade dunha candidata pese a utilizar fraudulentamente unha tarxeta de aparcamento nunha praza reservada para discapacitados (o fíxoo antes de entrar na política); pasando pola tan cacarexada necesidade de eliminar os «privilexios a custa do pobo», por quen agora (que as perciben eles) xustifican como legais e democráticas as compensacións pola abdicación (sempre temporal) ás funcións de representación política. Ao igual que o fundador e propietario de Televisiones Invicta, e que tantos outros empresarios innovadores, os creadores das novas formacións políticas xuntan pezas soltas, que estaban aí mesmo diante de todos, para fabricar un produto aparentemente novo co que gañar cota de mercado. Dalles, coma a aquel e de momento, para ir tirando. A diferenza non é só que saquen máis do dous por cento. A diferenza é que as Televisións Invicta funcionaban; e a pantalla dos novos partidos apunta, máis ben, e no mellor dos casos, a emisión en branco e negro.