Towanda

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

30 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

En Tomates verdes fritos, a película, escoitamos unha fórmula contra as adversidades. Kathy Bates gritaba «Towanda» cando todo ía mal. Era un grito de guerra para vencer o infortunio. Entre as cartas e mensaxes que chegan, que rara vez contesto (perdón), recibo unha que me fala de Towanda. Vénceme a emoción. Deixo a culler na xícara de café e miro arriba para que as lágrimas sexan de alegría. Eu tamén grito Towanda. Acariño a carta e achego o papel cálido ao peito. Paula, a nai de Paula e María, que xa non está. As tres escriben por min esta columna agradecida. Porque o que importa da vida é a xente que en verdade importa. Son miles os que rizan o pelo con esta columna de xoves. E eses miles dende hoxe teñen tamén un grito de guerra, quero dicir de paz, para afrontar os momentos malos. Dende hoxe somos aliados desta voz que será bandeira contra a tristeza. Grito Towanda porque son as emocións as que moven o mundo. Porque as grandes leccións da vida aprendinas da xente común, a boa xente, encriptada no gris anonimato gris. Eles son os que fan mellor o mundo. Eles, elas, que camiñan a corda frouxa de cada día. Os que sacan adiante familias. Os que pensan que dende o rancor odio inquina só se escriben traxedias. Grito Towanda para espantar o medo. Para estar cerca de ti, aínda que un sempre estea lonxe de todo. Towanda para levantarte e levantarme mil veces. Para seguir soñando, aínda que se nos rompan no nariz os soños que soñamos. Towanda para estar con Paula e a mamá de Paula. E con María, que quizá trence estas palabras no ceo para cantar unha canción de amor. Só perdemos o que olvidamos. E por María e por todas as Marías, prometo, non deixaremos de gritar: Towanda, Towanda.