Aínda hai esperanza

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

25 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás veces aínda creo que hai esperanza para o fútbol, ese espectáculo con tantas imaxes lamentables. Despois de ver patadas, leas, insultos e modos completamente antideportivos no campo e nas gradas, chega a imaxe da esperanza.

Un neno, lucindo a camiseta de Portugal, achégase a un afeccionado francés, anos maior ca el, que chora sen consolo posible porque o seu equipo acaba de perder a Eurocopa contra a selección lusa. Algo lle di o pequeno que consegue chamar a súa atención. Quedo, porén, coa linguaxe non verbal. O pícaro tócalle agarimosamente, tentando darlle azos. O mozo mírao sorprendido. Era un neno. Agradécelle o xesto.

Quizais, de ser dous adultos, a imaxe sería outra. Imaxínome ao seareiro do gañador pasándolle o triunfo polo fociño ao seguidor derrotado. Posiblemente este, ao sentirse ferido, reaccionase cun berro, un improperio... un arrepoñerse revolvéndose coma animal acurralado. Quizais.

Non digo que sexa a actitude xeral, pero existe e prodúcese en demasiadas ocasións.

O caso é que o pequeno insistía en darlle azos. Quen sabe, quizais na próxima a sorte dea a volta... E o mozo agradece o achegamento. Cruzan aínda algunhas palabras máis.

E faise a maxia. O mozo, vencido pola bondade e naturalidade do menor, agáchase para poder apertalo. E o fútbol, por fin, énchese de esperanza. Agora si ten dereito a ser o deporte rei.

Quizais non saiban nin como se chaman. Quizais non volvan cruzarse nunca máis, pois o mundo ás veces é moi grande. Mais xa obraron o milagre.

Eles, si, dous perfectos descoñecidos.