Fascismos de novo cuño

OPINIÓN

25 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Trataremos de fuxir de mensaxes simplistas. Empecemos por subliñar que hoxe podemos ler na prensa titulares como os seguintes: «O liberalismo é a forma postmoderna do fascismo», «...unha forma de fascismo», «solucións fascistas» do neoliberalismo, «un novo fascismo», entre moitas máis. Concordan nisto prensa diaria e outros foros, o que acredita, de primeiras, que se trata dunha realidade preocupante, porque é ben sabido que a política vén sendo substituída por presións alleas a ela, principalmente dos grandes grupos financeiros, como o acredita, entre outros supostos, a privatización do Estado e do que cadre, a marxinación dos sindicatos, a lexislación represiva das liberdades ou, en fin, o recurso desesperado ao Estado, en contra dos intereses dos cidadáns. Por suposto que, ao abeiro dos seus poderosos medios tratan de disfrazar esas medidas: din loitar contra o Estado, pero só cando este pretende regulalos, non cando deixa vía libre para o desenvolvemento dos seus intereses. Goberno, tribunais, ensino, saúde, empresas, todo é privatizable, porque é negocio. Dirásenos que non hai aquí unha privatización violenta do Estado. Pero os resultados son os mesmos: menos democracia (ou mellor ningunha), mínimos controles democráticos, leis represivas das liberdades... e medo a todo: a perder o emprego mísero ata que veñan os que procuran un mellor reparto da riqueza. O grave é que, por agora, non se ve que esteamos preparados para opoñernos a esa praga, cando, ademais, esa é a política que infelizmente veñen seguindo os burócratas de Bruxelas. Un europeísta convencido coma min está dicindo agora que pouco futuro pode haber se non acabamos con Bruxelas. Nunca pensei que honestamente puidera dicir tal cousa.