Eléctrico silencio

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

26 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

As novas políticas e deportivas precipítanse como se no mundo non estivese a pasar máis nada; e no mundo pasa, acontece: todos os días hai vento e sol, mareas e ondas; o Solar Impulse remata a volta ao globo. Científicos e tecnólogos investigan como xerar enerxía eléctrica mesmo por osmose, como almacenala en dispositivos eficaces; como facer cada día máis intelixentes as redes de distribución desa enerxía, capaz de alimentar motores de alta potencia e peso mínimo.

Albíscase o declive da economía do petróleo e a gasolina, como se viu a do carbón e o vapor.

A quimera do vehículo eléctrico aproxímase á realidade, de maneira silenciosa. Afeitos a un século de rebumbio e barullo, de «sensación (auditiva) de potencia», asústanos a idea de calcarmos o acelerador, que o coche (ou a moto) dispare coma un lóstrego e, como moito, se escoite a derrapaxe da roda.

Os medios de comunicación parecen non ver o fenómeno salvo cando soa a palabra Tesla. Pero hai moito máis, unha fervenza de murmurios no país que dá a mellor relación de calidade a prezo nas invencións: Alemaña. A aposta teutona polas alternativas enerxéticas estanos a transportar -silandeiramente- a un mundo no que o brexit pouco pesa. 

Xa virán logo os ingleses (como cantos non inventan) comprar produtos da nova economía aos alemáns.